O concurso está organizado dende o Concello de Ribadeo pola Delegación de Turismo e Desenvolvemento Local  e conta co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo. A edil nacionalista explicou que “este ano o concurso de tapas celébrase do 18 ao 27 de maio, ambos incluidos, tentando aproveitar a ponte das Letras Galegas e collendo dúas fins de semana”.
Ana Martínez convidou “a todos os bares e mesóns de Ribadeo e das parroquias a inscribirse. O prazo está aberto ata o vindeiro 16 de abril ás 14 horas na oficina da Área de Desenvolvemento Local do Concello ou a través da páxina web www.ribadeo.org“. A concelleira de Turismo dixo que “cada establecemento poderá presentar unha tapa a concurso, buscando sempre a calidade e a orixinalidade que distingue este certame. Este ano o prezo da tapa será de 1,30 euros e como cada ano enviaremos un fotógrafo a cada establecemento participante para poder obter unha imaxe da tapa a concurso e así incorporala ao libriño que se repartirá durante a ruta das tapas entre os asistentes”.

Martínez subliñou que “a cita persegue dinamizar o sector hostaleiro e da restauración, un dos máis potentes do noso concello, aproveitando sempre unha época baixa de público e sempre fora do verán, da semana santa ou do Nadal. O que queremos é traballar co sector buscando esa dinamización comercial da nosa vila, procurando facer de Ribadeo un lugar atractivo para os nosos visitantes. Eses visitantes que son tanto de proximidade, da comarca da Mariña ou do Occidente asturiano, pero abrindo tamén a porta a eses outros lugares que, grazas á mellora das vías de comunicación, se achegan cada día máis a nós. Queremos convidar tamén a participar á xente do Oriente asturiano, de Cantabria, País Vasco, Castela-León, a que se acheguen a disfrutar da nosa gastronomía en miniatura”.

A concelleira de Turismo anunciou que “este ano para promover este achegamento e como novidade, froito dun traballo en rede coas mesas microsectoriais de hostalería, algúns hoteis decidiron colaborar co Ribadeo de tapeo con agasallos gastronómicos de benvida aos seus clientes e prezos especiais durante o concurso no paquete chamado Soños gastronómicos”.