O rexedor sinalou que “desde a Área de Desenvolvemento Local que leva a miña compañeira Ana Martínez, xunto co apoio importante da Área de Turismo da Deputación de Lugo, imos celebrar dentro duns días do 5 ao 9 de decembro o Mercado de Nadal de Ribadeo, que neste 2012 entra na súa décima edición”.

Suárez Barcia indicou que “é un mercado moi atractivo desde o punto de vista do turismo e da afluencia de xente a Ribadeo porque se fai nunhas datas aproveitando unha ponte, onde non só ven a xente de Ribadeo e da comarca do Occidente asturiano e da Mariña lucense senón que tamén recibimos a moita xente de fora que aproveita estas vacacións para desprazarse á nosa vila. E como outros anos queremos manter a organización, a cita está adicada a artesáns tanto de manufacturas como de alimentación e de elaboración propia. Teñen que estar debidamente dados de alta no réxime de autónomos ou da correspondente actividade e isto mantémolo coma sempre”.

O alcalde subliñou que “coma novidade este ano, e foi algo que valoramos e estudiamos e pedímoslle opinión á Asociación de Comerciantes de Ribadeo, queremos que os stands mais que estar nunha carpa aquí no parque de San Francisco estarán en casetas independentes ubicadas e distribuidas en rúas peonís e céntricas de Ribadeo. Queremos involucrar este Mercado de Nadal co comercio local, coa área das rúas comerciais e queremos que a xente se misture con todas estas novidades e que acudan aos bares e aos outros comercios que hai en Ribadeo ao longo de todo o ano”.

Fernando Suárez dixo que “este é o momento de convidar a aqueles artesáns que queiran vir expoñer os seus produtos, traballos e manufacturas. Teñen de prazo ata o día 5 de novembro ás 14 horas. Terán que pedilo aquí no Concello de Ribadeo, cubrir uns impresos e aportar determinada documentación, así como pagar 100 euros coma taxa para axudarnos a costear o Mercado de Nadal, porque a inversión pública non chega para cubrir o importe global do evento”.

O alcalde ribadense engadiu que “o Mercado de Nadal é unha iniciativa que facemos desde o Concello de Ribadeo para dinamizar o comercio, o turismo e para que a xente que veña durante esa longa ponte teña un reclamo mais para esta vila moi importante e con moitos sectores moi potentes. Quizás o do comercio sexa o mais potente e teremos que facer mais actividades para seguir atraendo á xente”.