Suárez Barcia declarou: “estamos nesta concentración que convoca o colectivo sanitario para protestar contra a supresión da Área Sanitaria da Mariña, sendo uns máis, como cidadáns, pero tamén como representantes institucionais lexítimos do pobo de Ribadeo, que queremos dicirlle á Xunta que así non se fan as cousas e que non queremos que a Área Sanitaria da Mariña desapareza, que non queremos que o Hospital da Costa pase a ser un gran ambulatorio”.

Para o alcalde “por moito que existan a día de hoxe obras de ampliación, trátase de aumento de espazos pero non de servizos, nin moito menos. Queremos deixar de ser a periferia da periferia. Somos unha comarca de máis de 80.000 habitantes que ten moitos problemas, pero non queremos que o da sanidade sexa un dos máis graves que agora mesmo poidamos ter. Non queremos ter que facer como hai 30 anos, antes de que houbera o Hospital da Costa: que para calquera cousa importante teñamos que acabar indo a Lugo”.

E engadiu: “vamos combater civicamente e democraticamente con todos os instrumentos que teñamos para facerlle reflexionar a esta xentiña do goberno do PP da Xunta de Galicia”.

Xunto ao alcalde, aos traballadores do centro de saúde e aos veciños e veciñas de Ribadeo estiveron os concelleiros e concelleiras de Servizos Sociosanitarios, Desenvolvemento Local e Limpeza Viaria.