A edil nacionalista explicou que “a Feira Internacional de Turismo Fitur e Aire Libre convocan este ano a 21ª edición do Concurso al mejor producto de turismo activo. Este concurso ten por finalidade potenciar a competitividade da industria turística e proxectar os produtos turísticos de maior calidade,  e este ano, dende o Concello de Ribadeo xunto a Acisa decidimos presentar dous dos nosos proxectos estrela a estes premios. Falamos, dentro da modalidade de Cultura, do Ribadeo Indiano, e na modalidade de Natureza, do proxecto das Xeorrutas na praia das Catedrais e Rinlo”.

Martínez sinalou que “escollemos estes dous proxectos porque entendemos que identifican bastante a potencialidade do turismo que temos dentro do noso municipio. Con estes dous proxectos, que xa son todo un éxito, quixemos apostar por un turismo cultural e activo, un turismo sostible no que a cidadanía se integra dun xeito activo, converténdose dende logo nun piar fundamental. Temos o exemplo do Ribadeo Indiano, no que a participación cidadá é clave no éxito rotundo deste proxecto. No caso das Xeorrutas, o proxecto iniciouse dun xeito piloto. Comezamos cunha parte formativa de guías do litoral e foi a partir deste verán cando amosamos o enorme valor ambiental, xeolóxico e paisaxístico de toda a costa de Ribadeo. Neste proxecto participaron máis de 3500 persoas este verán”.

Os votos dos cidadáns servirán para decidir os proxectos premiados: “temos que falar deste concurso e da necesidade de participación e de votación da cidadanía para que esteamos arriba nos premios de Fitur. Animamos a todo o mundo a apoiar as nosas candidaturas co voso voto. Podedes ser vós o mellor dos xurados se entendedes que Ribadeo Indiano e as Xeorrutas merecen estar aí, que dende logo nós entendemos que son dous dos grande proxectos turísticos desta zona. Anímovos a todos e a todas a votar dende hoxe mesmo ata o día 10 de xaneiro, que é cando remata o prazo, a través das redes sociais. O enlace é algo longo e podédelo atopar dentro das páxinas de Facebook de Turismo de Ribadeo ou de Acisa para poder votar”.

A concelleira de Turismo dixo que “son catro categorías nacionais e catro internacionais para as modalidades de aventura, cultura, natureza e etnogastronomía. Ribadeo participa dentro da categoría nacional en dúas modalidades, Cultura e Natureza, cos proxectos Ribadeo Indiano e Xeorrutas. Hai que votar dentro de cada unha destas categorías tres produtos, indicando o primeiro, o segundo e o terceiro posto. Pedímosvos que co voso posto lle deades o primeiro posto tanto a Ribadeo Indiano como ás Xeorrutas para que o vindeiro mes de xaneiro esteamos en Fitur recollendo o premio en nome de todos os ribadenses, de todos e todas as visitantes que estiveron durante estes dous eventos e de todos os que votastes. Agradecemos de antemán o voso esforzo”.

Pola súa parte, Francisco Iriarte, presidente de Acisa, asegurou que “dende a Asociación de Comerciantes de Ribadeo creemos que es una cosa importante para promocionar a nivel nacional la fiesta indiana de Ribadeo. Animamos a todos los socios de Acisa y a todos los ribadenses a que entren en la página y voten. El esfuerzo que realizan el Concello y la Asociación de Comerciantes en la fiesta indiana es muy importante y por eso creemos que con el simple hecho de votar en una página el esfuerzo de los ribadenses se verá recompensado”.