A Asociación de Xestores Deportivos concedéulle o premio ao Concello de Ribadeo, dentro da categoría de concellos de ata 15.000 habitantes, “pola inversión feita na rede de infraestructuras para a práctica do deporte, que se traduce na posta en marcha de 17 modalidades de escolas deportivas e contar cun 65% de inscricións de nenos entre 5 e 14 anos”, segundo se recolle na acta do xurado.

O rexedor agradece o recoñecemento e destaca que “as escolas deportivas municipais funcionan desde hai 13 anos en Ribadeo, cun programa municipal que persegue coma obxectivo prioritario o de fomentar a práctica da actividade física na poboación escolar, con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos”. En total nas escolar deportivas municipais de inverno e de verán participan máis de 500 alumnos. Neste curso 2012/13as disciplinas que se ofertan son atletismo, baile deportivo, baloncesto, fútbol, fútbol sala, kárate, natación, pádel, patinaxe, tenis, tenis de mesa e ximnasia rítmica. En total 436 alumnos. Suárez Barcia lembra que “coa mellora de instalacións do Concello de Ribadeo, cun novo polideportivo municipal e campo de fútbol 7 de herba sintética, non se descarta seguir aumentando disciplinas en edicións sucesivas, xa que iso permitiría unha maior utilización das devanditas instalacións deportivas do Concello”.

O alcalde e o concelleiro de Deportes subliñan que “esta programación das escolas deportivas fomenta estilos de vida saudables onde a actividade física estea presente por dúas razóns incuestionables: a saúde e a utilización constructiva do tempo de ocio. O traballo en equipo, o coñecemento do corpo, o esforzo e a autosuperación nun clima agradable serán as nosas propostas a desenrolar nas escolas deportivas”.

Suárez Barcia subliñou “o traballo realizado polo meu compañeiro e concelleiro de Deportes, Vicente Castro, durante os tres mandatos que se leva ocupando desta cuestión con acertos e con fallos como temos todos, pero con moitos acertos e cun traballo abnegado, que moitas veces non lles valoro axeitadamente”.