Antes da pregoeira interviñeron o presidente da asociación organizadora dos festexos, Juan José Otero, e o alcalde ribadense, Fernando Suárez, que destacaron o traballo que supón a organización desta edición das festas patronais de Ribadeo debido a que cambian de situación respecto aos anos anteriores para volver celebrarse no parque de San Francisco e no Cantón dos Moreno.

No pregón Celia Castro, nacida en Ribadeo, falou das súas orixes familiares no Valadouro e recordou a destacados ribadenses como Gregorio Sanz, Sor Pilar de León, Mari Paz Otero Aenlle, Enrique López Galuá, Amando Suárez Couto, Claudio Pérez Prieto, Leonardo Fernández Reinante, Manuel Fernández Reinante, Carlos Álvarez Fernández Cid, Manolo Cortés, Pancho Maseda, Luisita Coldeira, Juan Suárez Acevedo, Daniel Cortezón, Dionisio Gamallo, Suso Peña, Benito Prieto Coussent ou Leopoldo Calvo-Sotelo.

Despois do acto de lectura do pregón actuou a Coral Polifónica de Ribadeo, dirixida por Mª Carmen Rodríguez Cancelo.

O acto foi presentado pola xornalista e locutora Carmen Cruzado, directora de Faro Norte Comunicación.

O vindeiro mércores, día 6, dará comezo a programación das festas patronais 2017 co día infantil, con actividades para os máis pequenos a partir das 16:30 horas no Cantón. A charanga Os Charangos percorrerá ás rúas da vila desde as 18:30 ás 22:30 horas, hora na que dará comezo a actuación de Claxxon. Antes ás 20:30 horas no Quiosco da Música do parque de San Francisco presentarase o cuarto disco CD de José Pulpeiro Doval O Gallopín.

O 7 de setembro, véspera da patroa, ás 11:30 horas sairán os Cocos e Cabezudos desde a Oficina de Turismo, acompañados polo grupo de gaitas Illa Pancha. A partir das 19:30 horas haberá pasacalles a cargo do grupo de música tradicional Tirapadiante. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena amenizada polas orquestras Gran Parada e La Ocaband. Ás doce da noite terá lugar a tradicional sesión de fogos artificiais no peirao.

O día da patroa, 8 de setembro, ás 12 do mediodía haberá misa solemne na igrexa parroquial de Santa María do Campo cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida de procesión y despois concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Ás 22:30 horas comezará a festa verbena, que estará amenizada polas orquestras D´Moda e Venezia.

E o 9 de setembro das cinco ás sete da tarde no Cantón haberá actividades dirixidas polo persoal do Centro Deportivo Ribadeo Be One. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena coas orquestras Nueva Fuerza e Alma Latina.