Suarez Barcia sinalou hoxe que “con estas obras de dragado desta parte do canal da ría de Ribadeo, que está levando adiante Portos de Galicia da Xunta, desde o Concello xa aproveitamos e xa lles dixemos hai aproximadamente un mes que era boa cousa que Portos dialogase co Ministerio de Medio Ambiente, que é o titular da praia dos Bloques, para que se puidera depositar parte da area que se vai dragar do leito da ría nesa praia”. O rexedor subliñou que “é un areal urbano e moi visitado, que agora con esas obras de remozamento que se estiveron dando seguramente será máis visitado, si cadra, durante os vindeiros ano. E que aínda que haxa que eliminar parte do fango que ten, que si é posible se aproveite parte desa area que se vai sacar do dragado da ría de Ribadeo para colocala nesa praia”.

O alcalde ribadense lembrou que”“enviásmoslle sendos escritos hai un mes á Xunta e ao Ministerio de Medio Ambiente para que por favor se poñan de acordo de cara a levar adiante unha boa actuación para Ribadeo. Seguramente que a Portos de Galicia lle é menos gravosa a actuación, aínda que non se trataría só de depositar e tirar a area enriba dese fango. En primeiro lugar sería convinte eliminar ese fango tan denso que hai alí. É algo que os técnicos din que é perfectamente posible”. Fernando Suárez fai un chamamento “tanto aos responsables de Medio Ambiente como da propia Xunta de Galicia para que atendan esta vella demanda de Ribadeo co obxectivo de que a praia dos Bloques poida lucir a súa mellor imaxe cunha area de primeira calidade e non este fango que ten”.