O rexedor manifestou que “queremos contribuír desde o Concello á difusión e á información da vindeira charla da praga da couza da pataca que se vai celebrar aquí en Ribadeo. Solicitámola desde o Concello hai uns días, e finalmente vai ter lugar este xoves, 16 de febreiro, ás oito e media da tarde no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo. Intervirán, entre outros, os técnicos da Consellería do Medio Rural, advertindo ou informando desta situación que preocupa a moita xente, a labregos, a xente que labra para autoconsumo, aos propios vendedores da semente, etc…”.

Suárez Barcia engadiu: “tamén quero dicir outra vez máis, que eu estou un pouco sorprendido, eu e moita máis xente. A Xunta ademais de estar actuando moi tarde, parece que en vez de executar as competencias propias en agricultura que o goberno galego ten, e ten que facer valer, está a xogar unha partida de brisca onde a Xunta o único que fai é repartir as cartas sen participar no xogo para nada. Non toma medidas de prohibición efectiva porque agarda a que as tome o Ministerio de Agricultura, e claro como para o Ministerio o das patacas non é un asunto de Estado como pode ser o aceite en Andalucía ou as laranxas no Levante, pois tómano con moita calma”.

Fernando Suárez critica que “son medidas sen consensuar nada, ao contrario do que está a facer o Principado de Asturias cos seus Concellos afectados da outra banda da ría de Ribadeo”.

Para o alcalde ribadense “sorprende que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica unha resolución de ampliación das medidas urxentes onde delegan nos Concellos a vixilancia e a incautación, se é o caso das patacas. É dicir que impidamos desde os Concellos a circulación da pataca a través dos mercados locais. Parecen medidas moi coercitivas, que cando teñen que tomar medidas coercitivas delegan nos Concellos. Pois moi ben, no noso, no de Ribadeo, non temos ningún afán de querer ser insubmisos de nada, poderemos facelo porque é un concello mediano onde temos Policía Local. Pero a miña pregunta é ¿e os numerosísimos pequenos concellos que non teñen a Policía Local? ¿que van ir os alcaldes pola feira adiante inmobilizando as patacas?”.

Fernando Suárez cre que a “couza guatemalteca non entende de límites municipais nin administrativos, xa se deberán ter tomado as medidas efectivas para evitar a ampliación dos focos desta peste, desta praga. Agora este tema debe ser abordado de xeito estratéxico como se fose o aceite ou as laranxas. Eu creo que a nosa xente non merece menos”.