O edil nacionalista dixo que “esta mañá celebróuse a primeira poxa pública de reses mostrencas que ten por escenario o Concello de Ribadeo. Os cabalos foron apreixados no monte Mondigo e no seu entorno despois de causar cuantiosos danos durante meses nas leiras de Covelas, Noceda, Vilar, etc”.

Vicente Castro sinalou que “na primeira subhasta cada res saía cun prezo de partida de 175 euros e quedou deserta, na segunda o prezo por cabeza foi de 100 euros e tamén quedou deserta e na terceira e última cun prezo mínimo de 50 euros foron adxudicados os sete cabalos ao único subastador que acudiu á poxa”. O concelleiro de Facenda e Medio Rural manifestou que “estes cartos non cubren os gastos de coste que para o Concello tivo a captura e a alimentación destas reses durante todos estes días, pero canto máis tempo as tivésemos o gasto aínda sería maior. O Concello perde uns 1.500 euros nestas reses, pero é o que hai”. Castro explicou que “a nosa labor non é subastar reses senón resolver problemas e non tivemos máis remedio que saír adiante desta maneira para resolver o problema que nos caeu enriba”. O concelleiro do BNG considera que “a Xunta tamén debe tomar medidas ou debe lexislar xa que a normativa en vigor para este tipo de reses mostrencas data do ano 1905 e isto ten que cambiar e así o levaremos a onde proceda para que isto cambie e se dea un maior control sobre as reses mostrencas que andan soltas polos montes deste país”.

Vicente Castro lembrou que “nos queda outro lote de seis reses equinas, que foron capturadas con posterioridade. Aquelas persoas que resultaren ser propietarias das mesmas poderán comparecer no Concello reclamándoas no prazo de 15 días a partir do seguinte ao da publicación do bando asinado polo alcalde no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Unha vez venza este prazo e se non se reclaman procederemos a realizar unha nova poxa pública. Agardamos que o Concello quede liberado deste problema e que non volte a xurdir no futuro”.