Suárez Barcia sinalou que “desde Ribadeo asistimos con incredulidade a este dislate que o goberno do Estado está a propoñer para a anulación sistemática de servizos públicos, onde co motivo do aforro o que están é tentar matar moscas a cañonazos. Incredulidade de ver esta proposta que os responsables de Feve fan para eliminar todos os servizos centrais da comarca da Mariña no que ten que ver con este tren durante o verán e o inverno, que afectan ás partes máis proclives para a xente, por exemplo de Ribadeo, para que se poida desprazar ao hospital da Costa en Burela ou ao de Jarrio en Asturias, ou para que a xente vinculada co mar poida ir facer os seus trámites a Celeiro ou na Policía Nacional da Viveiro”.

O alcalde anunciou que “desde o Concello presentaremos unha moción no vindeiro pleno rexeitando este tipo de actuacións. O que teñen que facer si queren optimizar e que os servizos públicos funcionen  é poñer as paradas de trens en lugares máis accesibles para fomentar o transporte público e para vertebrar unha comarca desvertebrada coma ésta e á que para nada vai favorecer este dislate de matar moscas a cañonazos pretendendo aforrar. O único que van conseguir é continuar a dispersar máis a nosa poboación e que haxa cidadáns de primeira e de segunda. De primeira os que viven nas cidades e de segunda os que viven nas vilas, nas aldeas e nas parroquias da Mariña de Lugo”.