O rexedor declaraba este mediodía: “eu como alcalde e sen ánimo de ningunha controversia, dicir que valoro positivamente esa noticia. Máis alá de que eu sexa alcalde de Ribadeo e queira o mellor para o meu pobo, que haxa traballo… se eu fose empresario deste sector evidentemente querería optimizar as calidades do produto que ofrezo e minimizar os custos de transporte do mesmo, e iso só se dá sacando a pasta de papel polo porto comercial de Ribadeo, e non só polas tarifas portuarias, que son e seguen sendo moi atractivas, senón tamén pola mínima e imprescindible manipulación mecánica desta parta de papel, é dicir, unha pasta que vai dende a fábrica á bodega do barco, cunha breve viaxe en camión polo medio”.

Suárez Barcia fixo fincapé nas idóneas condicións do porto ribadense: “ademais, pola limpeza do porto comercial. É un porto limpo, limpo doutras materias no aire, que poden estar en suspensión, a diferenza do que ocorre noutros portos. E ao mesmo tempo porque o porto de Ribadeo pode perfectamente tratar todas esas miles de toneladas que trata e máis que houbera. Ten a capacidade sobrada e suficiente de tratar o que hai e máis que houbera”. E engadiu: “polo tanto e aínda que o porto comercial de Ribadeo deba estar sempre en mellora continua, en mellora permanente, é unha moi boa noticia para Ribadeo e para os sectores que traballan no porto comercial. E ao mesmo tempo, como non,  foi unha  previsible decisión empresarial de optimización de recursos e de atopar solucións eficientes ao seu traballo”.