O rexedor ribadense manifestou que “queremos desde o Concello de Ribadeo dar conta do que nos parece unha boa noticia en todos os sentidos. Ademais unha boa noticia que desde o punto de vista político deixa ben ás claras cando hai intención de facer as cousas ben, de facer as cousas correctamente co que a cidadanía espera ou cando pola contra o único que se pretende é enredar a madeixa soamente por cuestión política”.

Fernando Suárez dixo: “estoume referindo á carta que lle mandamos, hai non moito tempo, ao novo ministro de Fomento do goberno do Estado onde lle indicábamos as penalidades que estábamos a sufrir tanto Castropol como Ribadeo pola falta de alumeado público na Ponte dos Santos. Esta infraestrutura que é de titularidade e de responsabilidade do Estado, e que para nada o é nin do Concello de Castropol nin do Concello de Ribadeo”.

O alcalde de Ribadeo lembrou que “a pesares de que en numerosas ocasións no goberno anterior de Rajoy lles pedimos, tanto polas alcaldías como polos plenos das Corporacións de xeito unánime, que non podían deixar sen alumeado público a Ponte dos Santos máis aló de se é imprescindible para a circulación do tráfico, si que o é para a circulación das persoas, dos peregrinos, dos veciños dunha banda e outra da ría de Ribadeo que pasan a diario, e sobre todo nestes períodos do inverno onde hai moi poucas horas de luz”.

Suárez Barcia insistiu en que “durante todos estes anos o goberno do Estado non contestaba ou contestaba dicindo que non era o seu problema. Pois non cambiou nada, a Ponte dos Santos segue aí, as normas son as mesmas, pero cambiou un goberno que parece que é máis dialogante ou polo menos que é máis receptivo ás cousas cando se piden con sentidiño, con razón e con xustiza”. 

O rexedor subliñou que “extraemos dúas conclusións, que o goberno do Estado que nolo negaba, é dicir o goberno do PP de Rajoy, actuaba con inquina, con mala fe e coa peor cara da política que é que aínda que sexa bo para a cidadanía con tal de embromar ao goberno municipal que non sexa da súa corda, neste caso o de Ribadeo e o de Castropol, pois asunto despachado”.

Fernando Suárez salienta que “valoramos moi positivamente desde Ribadeo porque, aínda que non sexamos da mesma cor política, si que podemos falar e acordar cousas boas para a cidadanía, algo que é o que a xente quere e para iso nos vota, para que cheguemos a acordos en función e en beneficio da comunidade, que é o que empeza a pasar agora”.