O rexedor dixo que “lamentablemente teño que referirme unha vez máis á ponte de Arante. Esta obra máis que estar feita no século XXI parece propia dos anos 40 do século XX. Eu creo que antes as cousas se facían con maior rigor, aínda que se puidera tardar todo o tempo que están a empregar en facer un pontigo, porque non deixa de ser un pontigo”.

Suárez Barcia sinalou que “lamentablemente os veciños, e con toda a razón, están doentes e indignados porque un día se abre a ponte e outro se pecha, esta noite estivo cortada ao tráfico cunha pala excavadora, máquina que agora se retirou pola mañá e o propio persoal de obras lles di que dentro duns días se volverá a pechar”. O alcalde considera que “a obra é unha auténtica zarapallada, o nivel de acabado deixa moito que desexar, a falta de coordinación é evidente. Cando ás veces critican que o Concello fai as cousas mal, desde logo perfecto ninguén é, pero ten unha eficacia e unha eficiencia moitísimo mellor que o que a Deputación Provincial de Lugo está a demostrar nesta ponte, cunha falla de respecto clarísima tanto aos veciños da Ponte como aos das parroquias que teñen que pasar obrigadamente por esa ponte, sobre todo transporte pesado, maquinaria agrícola, camións de madeira, etc e as cousas non se fan así”.

O rexedor ribadense manifestou que “unha autovía non se abre ata que se remata e unha ponte non se pode abrir ata que se remata e non poden estar moitos meses traballando dúas persoas cun chimpín, cun carretillo, persoas que traballan nunha semana dous días, van e veñen, agora mesmo se están levando a pala excavadora ata que volte dentro duns días. Estamos no medio do verán, o momento mellor para rematar as obras agora que non chove e a Deputación lle ten que esixir á empresa e aos seus responsables que deberían estar aquí a pé de obra”. Fernando Suárez  lamenta moito que todo isto, “antes das pasadas eleccións municipais era o pan de cada día nos medios de comunicación, onde se daban mostras dos avances inmellorables dunha ponte, que despois lamentablemente quedou caída no saco do esquecemento e agora tan só os veciños están doentes e ninguén se preocupa deles”.

O alcalde anunciou que lle vai transmitir ao presidente da Deputación Provincial de Lugo que “isto é intolerable, que ten que mandar rematar dunha vez por todas esta obra, con todas as garantías, resolvendo os accesos ao adro da capela da Nosa Señora das Virtudes e toda esa zarapallada que está ciscada por aí á maior brevidade e sen ningunha demora máis”.