O alcalde, Fernando Suárez, salientou que “agradecemos profundamente que escollerades Ribadeo para levar adiante estas xornadas a finais deste mes. Desde o Concello e desde Ribadeo, que na Semana Santa ten moita xente e no verán tamén, gústanos tanto estas iniciativas que escollen Ribadeo como marco e lugar de congresos como neste caso o Colexio Oficial de Podólogos de Galicia para a celebración destas Xornadas Astur-Galaicas de Podoloxía Pediátrica”.

O rexedor dixo que “temos esta iniciativa que se chama Ribadeo de Congresos porque nosoutros queremos dar o noso grao de area para que veñades a Ribadeo. Para facérvolo máis atractivo vos ofrecemos os recursos públicos que temos, sempre que estean libres, como é o caso do auditorio”.

Suárez Barcia engadiu que “tamén contribuímos na medida das posibilidades que podemos para que a vosa xente ademais de vir aquí a adquirir coñecementos e reciclarse, tamén e bo momento para ter algún tempo libre e comer nos nosos restaurantes, ver o noso casco vello, ver esta praia das máis internacionais do mundo como é a das Catedrais, e aproveitar para facervos unha visita por todo o noso litoral. É un litoral moi bonito que escapou das gadoupas do cemento e do ladrillo. Hai uns anos éramos tildados dun pouco bobos por facer así e agora é unha honra que temos nós que poidamos facelo así e levarvos por toda a costa de Ribadeo, á praia das Catedrais e ver un pouco cómo é o noso concello”.

O alcalde ribadense manifestou finalmente estar “dobremente satisfeito por cuestións de índole técnica, xa que seguramente teñades aquí un importante elenco que van dar os últimos métodos de podoloxía, e porque gocedes da nosa hostalaría, a nosa restauración, os nosos hoteis e de Ribadeo”.

O evento está organizado polos Colexios Oficiais de Podólogos de Galicia e de Asturias. Os profesionais que asistirán a esta cita abordarán cuestións como a marcha en adución infantil, o pe plano infantil flexible e non flexible ou o coidado do pe do neno. Haberá unha charla divulgativa aberta a todo o público en xeral, que pronunciará Roberto Pascual, podólogo e profesor titular da Universidade Miguel Hernández de Elche. Será o 22 de abril ás 16:30 horas e versará sobre El pie plano infantil desaparece con el crecimiento y otros mitos que todo padre debería conocer.