O rexedor sinalou que á sesión de mañá “van varios asuntos de interese municipal e dos mais transcendentes pode ser o presuposto municipal para este 2016, que ascende a 9.447.000 euros. Sofre un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado e no que hai que destacar que en materia de ingresos de impostos directos e indirectos seguen sen experimentar subidas mais aló do que ten que ver co IBI, mais aló da regularización que levou a cabo o Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro, derivadas de unidades que non foran declaradas anteriormente polos seus propietarios. E hai outro incremento, que é o do imposto da plusvalía, non porque subiramos os ratios nin as taxas nin as porcentaxes, senón motivado por un maior movemento que se está a experimentar nos últimos tempos nas compra vendas de bens inmobles aquí en Ribadeo”.

Suárez Barcia indicou que “no que ten que ver co gasto e coas transferencias correntes incrementan un 7’85% para transferencias a distintas áreas como pode ser educación, servizos sociais, medio rural, cultura, deportes, turismo, etc… e no que ten que ver cos investimentos reais ascenden a 1.767.000 euros. Mantemos o nivel de investimentos do ano 2015 e destacan para este ano as partidas para a anualidade da residencia e para as obras de reparación de rúas da Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo, e tamén doutras actuacións importantes en obras e asfaltado en rúas e camiños, en mobiliario urbano, en instalacións deportivas, etc”.

O alcalde subliñou que “tamén neste ano contemplamos, e esperemos que sexa de inicio nada mais, a posible concertación dunha operación de crédito bancaria para facer fronte, si é preciso, para financiar a construción da residencia, desa parte non comprometida inicialmente polo Concello, si comprometida por algunha outra administración como a Xunta, que a día de hoxe nin está nin se lle espera, si o compromiso da Deputación Provincial de Lugo, pero en tanto non teña aprobados os seus orzamentos obríganos ao Concello de Ribadeo a concertar esta operación de préstamo que inicialmente establecementos en 550.000 euros. Si efectivamente a achega da Deputación despois chega esta operación cancelaríase e quedaría amortizada, pero en todo caso é boa cousa prevela porque queremos que a residencia se acabe con toda normalidade”. E engadiu: “e relacionado con isto último destacar que se reducen os xuros da débeda bancaria que había no pasado, porque hai anos que non se pide préstamo algún e reduciuse o 64% por vencemento de préstamos, é dicir remataron a súa vida aínda que foran solicitados hai anos. Durante estes últimos anos estivemos pagando e reducíronse moitísimo e iso nos da capacidade de certo endebedamento, que tentaremos que sexa o mínimo posible, por suposto”.

Na sesión ordinaria de mañá, 29 de marzo, ás 20:30 horas tamén se someterá a aprobación a modificación puntual de varias ordenanzas: “propoñemos as modificacións puntuais de varias das ordenanzas que temos. No que ten que ver coa nosa compañeira Luz, que é a concelleira encargada da escola de música, prevé a modificación da ordenanza deste centro para incorporar varias posibilidades formativas, como poden ser os obradoiros de instrumentos para alumnado de 6 a 7 anos ou mesmo, en vista da demanda que está a ter como complemento da música tradicional, tamén se quere propoñer a creación da materia de percusión tradicional, así como a ampliación de catro a cinco cursos académicos das materias de danza moderna e de ballet clásico; por outra banda, a concelleira de Sustentabilidade Ambiental, Paz Ermida, propón a modificación da ordenanza vixente de medio ambiente, que data do ano 2006, para a creación dun espazo exclusivo para o esparexemento, para o lecer e para o baño de cans, que ao mesmo tempo teremos que sinalizar axeitadamente”.

Suárez Barcia dixo que “na actualidade hai un grande número de persoas no concello que teñen un can como animal de compañía e sabemos que teñen restrinxido o seu acceso a moitas zonas, como espazos públicos, e entón desde o Concello somos sensibles a unha demanda crecente e estivemos nestes últimos tempos a traballar na habilitación dun espazo que fora utilizable para estes potenciais usuarios e ao mesmo tempo que garanta o cumprimento das condicións hixiénico sanitarias para a poboación de Ribadeo. E o espazo que eliximos como área exclusiva de esparexemento e lecer para os cans atópase situado debaixo da Ponte dos Santos practicamente, indo para o Cargadeiro nunha baixada cerca da primeira pilastra da ponte, que é un lugar moi pouco concorrido e por esas condicións parécenos axeitado como un primeiro espazo público para que os donos de cans poidan estar con eles alí con total normalidade e ao mesmo tempo que non molesten noutros espazos, singularmente noutras praias. Tivemos varias posibilidades e inicialmente decantámonos por esa, sen prexuízo de que no futuro se poidan estender a outros emprazamentos”.

Ademais “hai outra ordenanza na que a nosa compañeira Ana Martínez, a concelleira da praza de abastos, do mercado e de Desenvolvemento Local, pretende facer pequenas modificacións: é na da praza de abastos e dos mercados en xeral, dado que ultimamente hai novas tipoloxías, modificacións de mercados e de postos, polo que hai unha suma de pequenas cousas que debemos ir facendo para adaptarnos aos tempos e que os mercados e a praza de abastos de Ribadeo estean cunhas ordenanzas modernas, dinámicas e flexibles”, seguiu a explicar o alcalde ribadense.

E finalmente “como outro punto neste pleno prevense unhas modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT), que son uns cambios moi pequenos, moi concretos, moi puntuais derivados basicamente do que ten que ver co posto de traballo do xefe da Policía Local, en cumprimento dunha sentenza que indica o deber de subsanación das deficiencias no tocante ao seu complemento específico; por outra banda, a consignación económica do posto de Tesourería, dado que foi incluído polo Ministerio de Facenda hai moi poucos meses no concurso estatal reservado a funcionarios de habilitación estatal precisamente e como ata agora sempre estivo vacante debémolo consignar por este requirimento legal. E ao mesmo tempo tamén queremos facer unha pequena reordenación das funcións do posto de ordenanza municipal e a adaptación a outra praza similar, neste caso diminuíndo as retribucións do posto en cuestión”, concluíu o alcalde.