O rexedor contou que “neste pleno ordinario que celebramos onte, onde se trataron asuntos importantes como en todos os plenos ordinarios e como en todos os plenos que se celebran en Ribadeo, me gustaría destacar o relativo á expropiación de parte dunha parcela para actuacións no abastecemento de augas a Ribadeo. O Concello quere ter á súa dispoñibilidade unha superficie, na parroquia de Ove, para a futura construción dun depósito de auga, que estamos esperando como auga de maio. Podemos dicir tamén por parte da Xunta de Galicia que algunha vez se acorde de reinvestir parte dos recursos que drena periódicamemente dos veciños e das veciñas que consumen auga e que polo tanto temos que pagar unha taxa de auga e unta taxa de saneamento para que a Xunta de Galicia faga obras públicas. Cando así o teña a ben, o Concello de Ribadeo quere ter os deberes feitos e quere ter os terreos para construír ese novo depósito de auga onde está establecido, segundo o plan xeral de ordenación municipal”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “aprobamos de maneira unánime, o cal tamén é importante, o estudio de viabilidade incluído na memoria do centro de atención a persoas maiores de Ribadeo. Isto significa que seguimos o camiño, seguimos traballando, vendo xa a luz ao final do túnel, e con este acordo plenario queda determinado o réxime xurídico de servizo, queda determinada a forma de xestión. Este paso que acabamos de dar é imprescindible para poñer en funcionamento o centro de maiores. A partir de agora temos que solicitar o PIA á Xunta de Galicia, o permiso de inicio de actividade. Isto que sempre dicimos, que a Xunta aínda que non deu un céntimo para a súa construción, polo menos que non poña paus nas rodas para dar o papeliño que significa o permiso de inicio de actividade. Isto temos que complementalo nos vindeiros días cun convenio específico que temos que asinar entre o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo, que estamos traballando estreitamente tanto a nivel técnico como a nivel político ao máis alto nivel, para poder efectivizalo nos próximos días”.

Suárez Barcia engadiu que “unha vez aprobadas definitivamente as ordenanzas de funcionamento, de acceso, económicas que están estes días en exposición pública e unha vez obtido o PIA a actuación do Concello remataría, quedando nese momento a expensas de que a Deputación de Lugo dotase o persoal necesario e licitase os contratos de servizos para que o centro de atención a persoas maiores poida comezar o seu funcionamento normal”.

Conta xeral de 2017
O alcalde ribadense seguiu a relatar que “outro punto que se aprobou onte foi a conta xeral do ano 2017, esta conta xeral é o expediente que recolle a xestión económica e orzamentaria do ano anterior para poder presentar diante do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para que estes entes realicen a súa fiscalización externa como todos os anos. Este expediente contén tamén a liquidación do orzamento 2017 e podemos ver que a situación do Concello segue a ser boa, seguindo coa tendencia destes últimos anos. De tal xeito que hai un remanente líquido de tesourería de aproximadamente 1.600.000 euros, que xa se está empregando neste ano para moitas actuacións de inversión que estamos levando adiante. Ao mesmo tempo nesta radiografía da situación económica, o Concello presenta tamén unha boa capacidade de financiamento, cumprimos a regra de gasto, o período medio de pagamentos, o que nos permitiu tamén amortizar anticipadamente a totalidade dos préstamos do plan de pagamento a provedores, que como ben dixemos aos compañeiros da Corporación, que era a última vez que dábamos conta do informe trimestral do plan de axuste xa que quedou anulado por ter amortizada toda a débeda pendente dos plans de pagos a provedores”.

O rexedor dixo que “no apartado de rogos e preguntas houbo do resto de formacións da Corporación, algunhas con moita certeza que intentaremos mellorar e facer, e outras que non tanto pero que en todo caso explicamos puntualmente unha por unha”.