O rexedor contou que “varios son os puntos que van a este pleno. Un deles é unha amortización de crédito por importe de 310.000 euros, que proveñen de remanentes do Concello, pero queremos amortizar débeda. Aínda que este ano non houbo unha obriga legal para o noso Concello, como noutros exercicios previos, vimos que era unha boa opción primeiramente para consolidar o nivel de débeda, que a temos baixa e queremos tela máis baixa aínda, como tamén para utilizar a remanente de xeito que non incida negativamente na estabilidade orzamentaria, que é unha cousa que non debemos descoidar. E ao mesmo tempo tamén queremos facelo así para liberar crédito no presuposto do ano que vén para que en vez de destinalo a amortización de débeda poida ser para investimento”.

Suárez Barcia explicou que “por outra banda vamos modificar unha ordenanza reguladora de axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Con motivo desta situación de pandemia queremos ampliar o rango de persoas que poidan acceder a estas axudas e tamén incrementar os importes máximos, de tal maneira que vamos incluír unha modificación para sufragar o 50 por cento do que supoñían estes custos agás para colectivos especialmente vulnerables, para os que o porcentaxe máximo de axuda será do 75 por cento”.

O alcalde engadiu que “tamén, como todos os anos, daremos conta dos reparos de Intervención que temos. Practicamente todos os Concellos do país téñenos en maior ou menor medida, moitas veces son por situacións relativas a contratos vencidos hai tempo que, aínda que estamos intentado regularizar quedan algúns deles por facer. Hai pouco adxudicamos a xestión do Servizo de Axuda no Fogar, tamén a do Punto Limpo e estamos agora con procesos de licitación do contrato de limpeza de instalacións municipais ou mesmo os de enerxía eléctrica, de telefonía, etcétera. E iso son reparos que debemos ir solventando, como tamén outros relativos a persoal. Hai que ter en conta que os Concellos estamos moi constrinxidos pola lei de orzamentos do Estado, polo que as administracións moitas veces abusamos de contratacións de persoal temporal, cando debería ser dunha maneira máis estable. Para iso xa aprobamos varias ofertas públicas de emprego, dos anos 2017, 2018 e 2019, que recollen moitos destes postos que están en situación de non conformidade e que teremos que ir resolvendo estes reparos que formula Intervención a través da convocatoria destas prazas”.

A sesión plenaria dará comezo ás 20:30 horas.