O alcalde manifestou que “continuamos dando pasos coa posta en funcionamento desta residencia de atención a persoas maiores, que con tanto tesón estamos traballando entre todos para poñer en funcionamento canto antes. Nesta tarde, o pleno celebrará unha sesión extraordinaria onde aprobaremos inicialmente a regulación do réxime xurídico do servizo tanto no que ten que ver coa ordenanza económica, co regulamento de acceso e co regulamento de funcionamento deste centro”.

Fernando Suárez lembrou que “establecemos preferencias para os veciños e veciñas de Ribadeo, en segundo lugar para os veciños da bisbarra e en terceiro lugar para os veciños da provincia, non prohibindo que ninguén poida vir, pero si dando preferencia e maior puntuación aos veciños e veciñas que son de Ribadeo, e que viven en Ribadeo desde hai anos. Tamén queremos que os prezos sexan asumibles, posto que con independencia do custe do servizo, que non é pouco precisamente, se van regular prezos reducidos en función das capacidades dos usuarios de xeito que, ninguén que precise o servizo, se quedará sen el por causa dos recursos económicos”.

O rexedor ribadense indicou que “este novo paso, previsto xa desde hai tempo,  vainos dar que, a partir da aprobación inicial de hoxe, abriremos un período de información pública dun mes para que todas aquelas persoas que queiran vir ou queiran alegar poidan facelo segundo establece a lei de procedemento administrativo. E traballando coordinadamente coa Deputación de Lugo que, insisto outra vez máis, é a gran valedora de Ribadeo para isto, e a gran valedora de que esta residencia, xunto con outras da provincia de Lugo que se queren poñer en funcionamento canto antes, poidamos facer política social de verdade, política social da que apostan os veciños e as veciñas. Máis aló das liortas políticas que, moitas veces, existen nos plenos, na Deputación ou en lugares que non veñen a conto, nós desde Ribadeo estamos traballando por este modelo. Parécenos moi bo, dentro da absoluta legalidade estamos traballando cos técnicos do Concello e da Deputación. Parécenos, dentro das posibilidades reais e legais do tempo no que vivimos o mellor modo de facer unha política progresista, unha política para os veciños, e realmente todos aqueles que lle queremos ao noso país e a nosa xente traballamos con grande satisfacción de poder levar este proxecto adiante canto antes, a pesares dos paus nas rodas que outras administracións autonómicas nos teñen posto sempre”.

Fernando Suárez espera que “a partir de agora, xa que non puxeron nin un peso encima da mesa, polo menos non nos poñan problemas agora que estamos encarreirando todo para definitivamente abrir canto antes a prezos asumibles e cunhas garantías e calidades de funcionamento que seremos a envexa de moitos outros lugares”.