O rexedor subliñou que “acordos como os adoptados neste pleno extraordinario, que tivemos onte á noite, son pequenos grandes pasos que fomos dando ao longo deste ano, coa inestimable colaboración da Deputación de Lugo en contraposición tamén con outras administracións con sede en Santiago de Compostela que nunca creron, nin confiaron, nin apoiaron este proxecto”.

Suárez Barcia dixo que “fomos saíndo adiante, fomos construíndo, fomos equipando a residencia, buscando e atopando o mellor xeito posible de xestionala, de acordo sempre coa legalidade actual que nos toca vivir, e tamén cuns criterios de acceso económicos e de funcionamento moito máis que dignos, envexables diría eu. Ademais de todo isto con total unanimidade dos grupos municipais da Corporación de Ribadeo. Se ben hai un tempo puideron empezar a haber algunhas fisuras entre os grupos, finalmente en Ribadeo seguimos todos a unha, e isto é moi boa nova para os nosos veciños e para as nosas veciñas”.

O alcalde explicou que “no pleno de onte aprobáronse definitivamente, por unanimidade, as ordenanzas reguladoras do prezo público pola estancia na residencia, aprobouse tamén o regulamente de acceso, o regulamento de réxime interno para o funcionamento do centro e tamén o convenio específico entre a Deputación e o Concello de Ribadeo para a xestión da residencia. Todo isto baixo os parámetros que nos marcamos sempre, que son preferentemente para os de Ribadeo, sen prexuízo que lle poidamos abrir as portas a todo o mundo, como marca a lei, pero cunha discriminación positiva para os nosos paisanos e para as nosas paisanas. Por outra banda, tamén que isto sexa a prezos asumibles para os ingresos da nosa xente, significando evidentemente que pagará máis quen máis teña, pero que nunca ninguén quedará sen entrar porque non teña cartos dabondo”.

Fernando Suárez asegurou que “a seguinte pregunta pode ser se acabou todo o proceso, e aínda non. Agora, nos próximos días, teremos que asinar o convenio específico entre o presidente da Deputación de Lugo e máis o alcalde de Ribadeo, despois de que o pleno de onte me facultase para tal fin. Seguidamente terémoslle que mandar toda esta documentación á Xunta para que nos outorgue o PIA, o permiso de inicio de actividade, que a falta de que puxera un triste can a Xunta de Galicia para este marabilloso proxecto cando menos que non nos poña a proa para a autorización do inicio de actividade. Despois confiarémoslle á Deputación de Lugo a posta en marcha efectiva deste centro de atención a persoas maiores á maior brevidade posible”.

Xestión da biomasa e festivos locais
O rexedor ribadense seguiu a relatar que “no pleno de onte tamén aprobamos, de xeito unánime a adhesión do Concello de Ribadeo ao convenio de colaboración entre a Xunta, a Fegamp e máis o Seaga para a xestión da biomasa en redes secundarias para o ano que ven. Quere dicir que o que estamos a facer este ano con este requirimento a todos estes propietarios para que manteñan as faixas de protección e que manteñan as vivendas libres de especies pirófitas como os piñeiros ou como os eucaliptos, non é algo puntual senón que todos os anos hai que facelo, todos os anos haberá que facelo tal e como marca a lei de incendios de Galicia”.

Fernando Suárez engadiu: “a Xunta e máis os seus organismos teñen moitos máis medios que nós para facer este traballo, outra cousa é que ata agora non o fixeran e o único que fixemos algo en todo isto a nivel e Galicia e que estamos en camiño de conseguilo fomos nós desde o Concello de Ribadeo. Pero isto implica tamén que, a través deste convenio que queremos asinar coa Xunta de Galicia, para o ano que ven os veciños van ter a opción de que se non queren facer polos seus medios propios o desbroce, a corta, etc…, a través dunha cifra de 350 euros por hectárea pódenllo solicitar ao Seaga, que é esta empresa pública da Xunta de Galicia, para que lles faga ese labor de manter esas faixas de protección limpas, sempre teñen esta oportunidade. Polo tanto veremos agora se a Xunta está en disposición de asinar este convenio co Concello de Ribadeo”.

Finalmente o alcalde sinalou que “acordamos tamén no pleno de onte que os dous días festivos locais para o ano que ven, para o 2019, sexan o día de San Roque e o Martes de Entroido, dado que o día da Patroa coincide en domingo, e polo tanto non é necesario facer festivo local esa xornada”.