O equipo de goberno someterá a debate no pleno ordinario deste xoves, 28 de xaneiro, a creación dun plan estratéxico de subvencións, “algo co que so contan Concellos de grandes cidades e poucos mais en Galicia”, segundo subliñou o alcalde, Fernando Suárez. Deste xeito darase cumprimento á lei xeral de subvencións, que obriga a racionalizar e controlar as diferentes liñas de axudas que se conceden nos Concellos. Na sesión plenaria debaterase tamén unha moción que asinan o BNG, o PSOE e Ciudadanos que propón a reprobación da actitude mantida pola Xunta en todo o proceso de construción da residencia de maiores.

O rexedor contou que “dentro do que son os puntos máis destacados deste pleno ordinario que está convocado para o xoves á noitiña está a proposta de crear un plan estratéxico de subvencións. O Concello non dispoñía ata agora del e realmente en Galicia seremos dos poucos concellos que o teñamos, dado que por máis que miramos soamente nalgunha capital e algún outro concello teñen a día de hoxe un plan estratéxico de subvencións. Non se trata nin máis nin menos que de cumprir a lei xeral subvencións, que indica que os concellos temos a obriga de racionalizar, de poñer en orde, de programar, de controlar e facer un seguimento das diferentes liñas de axudas que temos. No Concello de Ribadeo a suma de todas as liñas practicamente se achega anualmente aos 500.000 euros de subvencións, entre as de vivenda, servizos sociosanitaros, ensino, cultura, festexos, deportes, medio rural ou mesmo comercio”.

Suárez Barcia explicou que “este plan estratéxico é un documento que trata de fixar os obxectivos que se deben conseguir coa actividade de subvención que fai o Concello a través de todas estas liñas de actuación e este plan debe servir tamén para analizar o cumprimento destes obxectivos e sacar conclusións para o futuro. É dicir, avaliaranse en función dos criterios que se marquen para analizar se se cumpren as finalidades; e se non é así servirá para modificar ou crear outras liñas, para minorar ou suprimir as que hai, etcétera. Someterémolo a consideración de toda a Corporación e agardamos que vaia adiante”.

Residencia de maiores
Fernando Suárez indicou que “tamén neste pleno está previsto o debate de varias mocións: do PP, do PSOE e do Bloque. Pero eu quérome centrar nunha concreta, que é unha moción transversal que está asinada por 13 concelleiros e concelleiras desta Corporación, os que corresponden aos grupos do BNG, do PSOE e de Ciudadanos, que todos eles e elas, como sempre estamos facendo neste asunto da residencia, as cuestións lexítimas políticas e discrepantes que poidamos ter en moitos aspectos da vida estamos deixándoas de lado e facendo o mesmo que no anterior mandato municipal entre todos; pero agora é entre case todos, porque lamentablemente o PP local descólgase destes acordos”.

O alcalde ribadense subliñou que “queremos presentar a debate no pleno unha moción na que o punto único, en relación coa residencia de maiores e coa actuación que tivo e está tendo a Xunta de Galicia, é propoñerlle ao pleno a reprobación da actitude mantida pola Xunta en todo este proceso de construción e dotación dunha residencia de maiores en Ribadeo; e tamén a esixencia ao conselleiro de Política Social para que dea aos seus subordinados as instrucións oportunas para que os diferentes departamentos, dunha vez por todas, se queren participar no financiamento deste centro de atención a persoas maiores que procedan a dar unha resposta oficial ás discrepancias que se formulan por este Concello en relación ao convenio e que acheguen propostas alternativas serias, con informes xurídicos e non soamente por expresións políticas que son cuestionadas xuridicamente polos técnicos”. E engadiu: “esta moción é case unánime, porque non está o Partido Popular xa que el mesmo se quere descolgar de todas estas actuacións que estamos tendo en conxunto. Pero en todo caso os veciños e veciñas, os homes e mulleres de Ribadeo ven e escoitan perfectamente as opinións, o que predican e o que fan uns e outros”.