Suárez Barcia referíase hoxe ás declaracións que fixo o concelleiro Agustín Reymóndez, de UPRI, “sobre que no Concello estamos retardando o Plan Xeral, e teño que dicir que para nada é así. Eu creo que das cuestións que temos enriba da mesa dende que se aprobou provisionalmente hai uns meses día tras día é seguir traballando, como o estamos facendo, para que o Plan Xeral de Ordenación Municipal sexa unha realidade neste ano 2014”.

O alcalde ribadense sinalou que “eu convido a Tino, como xa lle dixen telefonicamente no día de onte, a que lle pode preguntar a calquera funcionario que estea con estas responsabilidades de trámites para que vexa que dende logo no Concello de Ribadeo témolo como prioridade absoluta e estamos traballando para cumprir todos os requirimentos que nos mandan dende a Xunta de Galicia. Algúns deles eu entendo que quizais son de maneira un tanto inxusta, pero non nos queda máis remedio que cumprilos sen máis, non estamos en circunstancias de discutir. Pero iso estanos levando un tempo”.

O rexedor explicou que “onte convoquei unha reunión para o luns co obxectivo de darlles conta a todos os grupos da Corporación do nivel de execución e do grado de desenvolvemento que levamos tanto no Plan Xeral como no plan especial do casco vello. É dicir, sempre estiveron todos os concelleiros da Corporación metidos en fariña, por así dicilo, en materia urbanística e sempre seguirán. Se non os chamamos nestas últimas semanas foi porque todos aqueles traballos que estamos facendo non son políticos, son estritamente técnicos. Pero como non temos nin queremos ningún mal pensamento citámolos a todos para o luns e darémoslles cumprida información, como non podía ser doutra maneira, do nivel de desenvolvemento e de traballo que estamos realizando dende o Concello, coa empresa redactora, cos técnicos municipais (o secretario, o arquitecto, etcétera) para cumprir os requirimentos que nos piden dende a Xunta”.