O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “este Plan Único entre o Concello e a Deputación investirase tanto en infraestruturas como no mantemento de servizos e actividades para este ano 2017. Temos que salientar que a Deputación aporta uns 395.000 euros e o Concello uns 275.000”.

O rexedor ribadense anunciou que “imos facer o acondicionamento e a renovación das rúas Francisco Lanza e Alfredo Deaño. Hai que ter en conta que é unha zona moi transitada onde están os colexios públicos e os pavillóns polideportivos. No caso da rúa Alfredo Deaño está moi degradada desde hai moitos anos, as beirarrúas están moi deterioradas e hai problemas tamén de circulación. No que ten que ver coa rúa Francisco Lanza é a rúa principal que vai dar acceso á residencia. Esta residencia que estamos estes días co trámite para equipala con todo o mobiliario necesario para máis cedo que tarde poñela en funcionamento. Queremos ordenar toda esa ampla mazá polo que hai e polo que vai haber”.

Suárez Barcia engadiu que “parte deste plan único queremos dedicalo tamén á mellora do acceso aos núcleos rurais. Polo tanto unha partida importante de 80.000 euros vai incrementar outras que xa temos establecidas para as parroquias para asfaltados e rebacheos que temos que facer durante o verán, que é cando o tempo e o clima favorece que se poidan facer estas actuacións”.

O alcalde de Ribadeo salientou que “tampouco nos esquecemos do servizo de axuda no fogar no que Ribadeo ten un ratio moi elevado comparado con outros concellos do seu tamaño. Atendemos a moita xente e queremos seguir facéndoo ou incrementalo incluso un pouco máis”.

Fernando Suárez manifestou que “este Plan Único tamén se destinará a actividades deportivas como as escolas de verán, actividades culturais, e eventos turísticos como pode ser o Ribadeo Indiano. Este programa nos vai vir moi ben para atender a todo isto, sen prexuízo doutros recursos que temos que ir distribuíndo ao longo do ano e que confiamos ter o apoio doutras administracións para levalos a bo fin”.