O alcalde, Fernando Suárez, lembrou que “da liquidación do orzamento do ano pasado incumprimos unha cuestión que está na lei desde hai tres anos, incumprimos a regra de gasto no que recolle esta lei orgánica de estabilidade orzamentaria, dado que do 2014 ao 2015 non debíamos superar o 1´3% de gasto con relación ao ano anterior e finalmente fixémolo no 2% máis ou menos. Tivemos uns 172.000 euros máis de gasto que o que debíamos e hai que ter en conta que é sobre un orzamento liquidado de máis de 9 millóns de euros”.

Este plan económico financeiro terá unha vixencia de 2 anos. “Como a situación económica do Concello é positiva, é dicir o remanente de Tesourería é de máis de 1.300.000 euros, o resultado orzamentario é positivo de todos estes últimos anos, a capacidade de financiamento témola máis que de sobra, etc, e a única medida que se estima que procede adoptar é a de declarar a non dispoñibilidade de crédito, é dicir que non imos gastar 280.000 euros, o que por outra parte é lóxico xa que este crédito que prevíamos para concluír as obras da residencia logo afortunadamente veu de man deste novo convenio coa Deputación Provincial de Lugo”, explicou o rexedor.

Suárez Barcia insiste en que “estamos diante dunha lei, dunha medida, inxusta porque estas normativas que lles esixen aos Concellos non gastar de máis por unha banda parecen lóxicas, pero tal como están reguladas non deben impedir que cando hai unha xestión positiva, cando hai remanentes positivos, cando os resultados orzamentarios son positivos, usemos recursos para facer inversións ou para mellorar os servizos públicos”.