O rexedor sinalou que “no que ten que ver coa praia das Catedrais e co seu entorno e en desenvolvemento do plan xeral de ordenación municipal que aprobamos hai moi pouco tempo, queremos desenvolver a parte que alí estaba planificada, que é a redacción do plan especial de protección para As Catedrais. É unha tarefa que lle corresponde ao Concello de Ribadeo e, despois de que os técnicos estiveran durante as últimas semanas traballando duramente para redactar uns pregos de cláusulas técnicas e administrativas, a día de hoxe xa o temos en exposición pública para que todas aquelas empresas ou aqueles especialistas na redacción de planeamento poidan competir abertamente”.

Fernando Suárez dixo que “o plan especial de protección das Catedrais ten un prezo de fixado de 41.000 euros para a súa redacción e, tal e como recolle o PXOM, ten un ámbito de actuación de aproximadamente 54 hectáreas en todo o seu entorno. Despois das exposicións públicas que teña que haber, das aprobacións iniciais, dos informes sectoriais do resto de administracións implicadas, como a Deputación, a Xunta de Galicia, os ministerios, Costas, etcétera, ese plan vai determinar que é o que se pode facer alí, onde se poden poñer os aparcamentos, onde deben estar as zonas para vender actividades ou produtos de tempada, que é o que se pode e o que non se pode facer, como regular para que siga recibindo moita xente, pero que non se estrague, e para que a xente que veña non leve unha mala imaxe polo que moitas veces hai: un colapso absoluto”.

O alcalde ribadense engadiu: “ao mesmo tempo fixemos a redacción das bases para que sexa a mellor empresa ou o mellor grupo de profesionais posibles, indicando que deberán ser multidisciplinares; é dicir, ten que haber arquitectos, pero tamén biólogos e expertos en turismo; ten que haber unha cualificación técnica diversa, multidisciplinar, porque queremos que isto siga sendo unha xoia da natureza, de conservación medioambiental, pero tamén un recurso turístico importantísimo, que fomos descubrindo nestes últimos anos e, desde logo, para todo o sector do comercio, da hostalaría e da restauración en Ribadeo e da comarca a praia das Catedrais significa un motor económico de primeiro nivel que temos que mimar, coidar e ordenar”.

Fernando Suárez considera que “temos que traballar co concurso de todos e na parte que lle toca ao Concello nada máis publicarse o plan xeral iniciamos a redacción deste plan especial que desenvolverá toda esa zona e que a día de hoxe, durante o prazo regulamentario, estará a exposición pública para que todos aqueles profesionais da materia poidan participar neste concurso e despois un tribunal composto por xente cualificada, do Concello e de fóra do Concello, pois tamén indicamos que queremos técnicos da Deputación e da Xunta de Galicia nos comités de valoración das ofertas para poder entre todos escoller a mellor de todo o Estado ou de ámbito internacional, se cabe”.