Horacio Cupeiro anunciou que “desde o Concello de Ribadeo estamos a preparar o plan de mobilidade urbana. É unha iniciativa promovida a través do Núcleo de Sostibilidade co ánimo de establecer formas de desplazarse máis sostibles, empregando modos de transporte máis eficientes e reducindo o impacto do desprazamento sobre os cidadáns e sobre o medio ambiente”.

O concelleiro nacionalista asegurou que “o que se pretende con este plan é potenciar a mobilidade non motorizada, así como favorecer o transporte público ou compartido e incidir en colectivos que conflúen no mesmo destino, ademáis de contribuir á mellora da calidade de vida dos residentes e dos visitantes do noso concello, que ao final é realmente o máis importante”.

Segundo Cupeiro “a preparación do plan require a participación cidadá en todas as fases para recoller información documental, opinións, percepcións e valoracións dos principais colectivos e entidades do noso concello. Imos comunicarllo ao persoal do Concello, á policía local, a urbanismo, a desenvolvemento sostible, a cultura, a educación, a igualdade, a xuventude e deportes, aos taxistas, autobuses e transportistas, aos clubes ciclistas, aos grupos de montañismo e sendeirismo, aos comerciantes, a centros comerciais, centros de ensino, apas, gandeiros, asociacións veciñais e de amas de casa do concello”.

O responsable de Medio Ambiente sinalou que “con este plan intentamos priorizar o espazo transitable para minusválidos, peóns e ciclistas sobre o tráfico rodado. E ademáis contemplaremos a mobilidade no futuro tendo en conta o PXOM. É un bó momento para facer este plan de mobilidade, porque tamén estamos no proceso de elaboración do plan xeral de ordenación municipal”. Novotec será a empresa encargada de elaborar este plan de mobilidade ao longo deste ano, un proxecto ao que se destinan na anualidade de 2010 do Núcleo de Sostibilidade arredor de 30.000 euros.