O salón de plenos do Concello acolleu a presentación do Plan de Conservación da praia das Catedrais realizada pola directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, que estivo acompañada polo alcalde, Fernando Suárez, e pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

Segundo explicou Verónica Tellado ese documento estará exposto ao público durante quince días hábiles para que os que o desexen poidan presentar as súas propostas. Despois analizaranse e redactarase o documento definitivo, que estará exposto de novo ao público durante 45 días. É intención da Xunta comezar a aplicar ese plan o vindeiro ano: unha parte na semana santa e na súa totalidade durante o verán. O plan establece, entre outras cousas, limitar o acceso ao areal entre 2.300 e 5.700 persoas ao día nas tempadas consideradas como altas, é dicir durante a semana santa e do 15 de xuño ao 15 de setembro, e delimita tres zonas de protección para unha superficie de preto de 29 hectáreas. A directora xeral convida a participar na elaboración do Plan de Conservación da praia das Catedrais “para consensuar un manual que garanta un uso público compatible coa preservación do monumento natural”.

Para o alcalde ribadense “este plan supón un pequeno chanzo na previsión de solucionar os problemas de masificación e uso que ten este areal. Vemos positivas algunhas cuestións coma o cálculo da capacidade de carga, a identificación de zonas de conservación, ou mesmo que a Xunta recoñeza que o espazo ten problemas de protección e de xestión”. Suárez Barcia dixo: “entendemos que este documento non deixa de ser un borrador que desde hai anos debera estar feito. Hai que lembrar que era obrigatorio contar con el como máximo dous anos despois de que se aprobe un monumento natural e o monumento natural para As Catedrais data de 2005”.

O rexedor sinalou que “compre ter un documento específico sobre medidas de actuación concretas para o uso e a xestión da contorna, ben definidas e con gasto comprometido do xeito de imos facer isto cos aparcadoiros, vai custar tanto ou os turistas que cheguen poderán facer deste xeito e os que non poidan entrar teremos outras alternativas. Esas son as cousas que entendemos que se deben facer”. Fernando Suárez considera que “deberemos facer actuacións con respecto aos aparcadoiros porque non se propón ningunha previsión neste documento tal e como está. Deberemos enriquecer o texto con propostas de atención sobre o visitante e de organización, cooperación e de coordinación cos axentes sociais. Eu penso que en Ribadeo debemos contar coa opinión cualificada da Asociación de Comerciantes para articular medidas e para dar solución ao drástico cambio que pode supoñer o feito de chegar a limitar o acceso real á praia. Parece ben, pero debe estar ben estudado para que no momento de facer ese salto cuantitativo, cualitativo e drástico isto siga a ser unha riqueza e non montemos aquí unha liorta”.

O alcalde Ribadeo insistiu en que “debemos estar orgullosos de recibir a moita xente durante todo o ano, que ven á comarca e a Ribadeo para ver a praia das Catedrais, pero 600.000 ou 700.000 visitantes nun ano precisan tamén que estes problemas, si se poden chamar así, conten con solucións ambiciosas, con partidas orzamentarias concretas. Implico tamén aquí ao Concello, non só á Xunta de Galicia. E implica tamén ampliar os ámbitos de actuación, porque o monumento natural son 29 hectáreas das que 20 son auga e mar e só 9 é o entorno máis pequeniño”. Fernando Suárez subliñou que “temos que integrar a moitas máis administracións con compromiso real non político. Temos que integrar á Deputación de Lugo, porque é titular da estrada, a Feve, porque é titular o Ministerio de Fomento, maiores dotacións de aparcadoiros que agora non están dentro dese ámbito”.

O rexedor engadiu: “seguimos pensando desde o Concello que a fórmula axeitada para As Catedrais sería a figura de parque natural, pero nosoutros sabendo que o queremos é iso e ao que non imos renunciar nunca e polo que seguiremos a loitar é por ese parque natural para o litoral de Ribadeo, non obstante e tendo en conta estas discrepancias lexítimas que mantemos queremos enriquecer este documento que hoxe nos presentan, coa advertencia de que nos parece moi ben, pero que aportaremos medidas enriquecedoras e pedimos que se inclúa ao sector servizos a través da Asociación de Comerciantes de Ribadeo neste proceso porque é moito o que nos xogamos, descubrimos a galiña dos ovos de ouro hai moi poucos anos, somos coñecidos en todo o mundo pola praia das Catedrais e queremos seguilo sendo, pero cunha atención de calidade. E que isto sirva para que a xente continúe a vir durante todo o ano, e non para espantar aos turistas”.

Estiveron no acto celebrado no salón de plenos do Concello os edís de Medio Ambiente e Turismo, Horacio Cupeiro e Ana Martínez, ademais do concelleiro de Medio Rural, Vicente Castro, e o edil do PP Manuel Yáñez. Tamén asistiu o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente.