No pleno extraordinario e urxente convocado para ás 20:15 horas de hoxe someteráse a aprobación o plan de axuste elaborado polo goberno municipal. O alcalde referíuse “á motivación para xustificar o plan de saneamento financieiro que nós, como outros Concellos, tivemos que facer de cara a xustificar a conveniencia e a posibilidade de devolver axeitadamente o capital máis os intereses que o Estado nos vai prestar aos Concellos para satisfacer a débeda pendente a proveedores. Aínda que no caso de Ribadeo é menos abultada do que podía ser hai pouco tempo con todo segue a ser importante ao noso xuizo. Temos que facer unha planificación para xustificar que podemos devolver e facerlle fronte a ese préstamo que imos pedir. Todo o mundo sabe que o Concello non está ben, pero estivemos moito peor”.

Suárez Barcia relatou que “elaboramos un plan que hoxe presentaremos en pleno. No mesmo demóstrase con números que o Concello pode facerlle fronte a todo ese crédito e onde nos primeiros anos que veñen agora, ata o 2015 ou 2016, a situación será complicada, dado que o Concello xa ten moitos créditos enriba, aínda que sexan de épocas pasadas. Hai que lembrar que ata o ano 2006 pedíanse créditos ano tras ano, a pesares de que eran anos de vacas gordas e de licenzas de obras e anos nos que os gobernos do PP e do PSOE, onde nós tamén estivemos, pedían créditos de 400.000 ou 600.000 euros cada ano. E agora estamos pagando sen endebedarnos máis, pero aínda o último destes préstamos vence no 2017”.

O alcalde de Ribadeo indicou que “a partires de aí vámonos liberar desta pesada carga de préstamos que hai que devolver, pero empezaremos a ver a luz xunto co PXOM, que debería estar aprobado para daquela e que por lei, entre outras cousas, obrigará a facer unha revisión catastral a parte dos posibles ingresos por licenzas de obras que poida haber. A partires de aí o Concello deixaría de investir máis diñeiro en créditos para invertir no pobo. A que plantexamos nós é unha posibilidade, a outra sería sangrar aos cidadáns moitísimo máis, como estou convencido de que van facer outros moitos Concellos do noso entorno”.

Fernando Suárez lembrou que “esta política de contención e de reducción de gastos non acabamos de implantala agora senón que xa levamos todos estes anos de goberno municipal nos que ano tras ano estamos a gastar menos do que se ingresa para poder reducir esa débeda tan grande que tiña o Concello de Ribadeo. Ao mesmo tempo tamén estamos a manter con todas as consecuencias unha política tributaria onde os ingresos tendan a soster os servizos que o Concello presta, porque todo isto tamén o facemos porque o Concello debe e ten que seguir a prestar servizos e ao mesmo tempo ten que ser sostible”.

Para o rexedor ribadense “non se trata de non gastar  para non facer nada, trátase de gastar con eficiencia porque os baches haberá que seguir amañándoos, os servizos sociais, e aquí cando outras administracións brillan pola súa ausencia como a Xunta, o Concello terá que facerse cargo e terá que seguir invertindo en cultura, en educación e en dinamización do emprego. Confiemos que no pleno de hoxe se aprobe este plan de saneamento financieiro que plantexamos desde o goberno municipal de Ribadeo”.