O rexedor tivo palabras de agradecemento para varias persoas: “grazas pois á colaboración de Eduardo Gutiérrez, cronista oficial, Carlos Pérez, deseñador de Sargadelos, a Carlos Longarela Sanfiz, arquitecto municipal e a Kiu Sarmiento, pola vosa participación nos debuxos e deseños e a tod@s os que colaborastes no acto de hoxe dun xeito ou doutro”.

Suárez Barcia anunciou que “para a semana teremos tamén na Oficina de Turismo folletos explicativos con información ampliada en galego, castelán, francés e inglés, e incluso tamén en italiano, porque cada ven máis xente desa fala”. E aludiu a Cicerón “que dicía que todos aqueles pobos que descoñecen a súa historia están condenados a vivir nunha perpetua infancia. E nós en Ribadeo non queremos que iso suceda así. Agardamos que vos guste esta iniciativa”.

Pola súa banda, o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, contou que “sen ser exhaustivos, as 33 placas sinalan lugares emblemáticos do punto de vista da historia local e mesmo dalgunhas tradicións. Indícanse os lugares onde estiveron as portas da vila da muralla medieval, acompañadas de ilustracións un tanto idealizadas pois non conservamos gravados ou debuxos da época, pero si permanecen algúns treitos, polo que mais ou menos pódese seguir o seu  itinerario, elaborado a base de documentos. Constan referencias á cerca do século XIII”.

Na súa intervención manifestou: “observarán que hai unha grande parte de fitos relacionados co século XIX ribadense e os primeiros anos do século XX, que abranguen o tempo do tráfico portuario, hanseático e americano, e do auxe comercial. Foi un tempo de ilustración cultural e de importantes figuras, que cómpre reivindicar, porque o progresismo liberal caracteriza a historia ribadense. Lémbranse tamén algunhas figuras filantrópicas, e sinálanse fitos importantes do seu labor.  Esa constante histórica aparece reflexada en varias placas, nas que se alude ás súas creacións, algunhas  bastante coñecidas, pero outras non tanto como é o caso da Milicia Nacional, ou Milicia Urbana, un Corpo decisivo nas guerras carlistas, a cuxa fronte estivo en Ribadeo unha das mais destacadas figuras liberais na provincia, Fernando Miranda, que tamén foi deputado por Lugo nas Cortes do Estatuto Real e que  morreu en acción de guerra en 1839”.

E engadiu que: “en varias ocasións temos lembrado a frase de Richter de que a memoria, ou a lembranza é o único paraíso do que non podemos ser expulsados. As sinalizacións que hoxe se estrean son un guión, un esteo para ese labor de coñecer o noso pasado, para evitar que non sexa tan fuxido, tan efémero, e si mais duradeiro e proveitoso”.

Ao acto, que estivo amenizado por profesores da EMMeD, asistiron concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal ribadense e veciñas e veciños de Ribadeo. Cinco das placas xa foron colocadas e o resto serano ao longo dos vindeiros días, segundo anunciou Fernando Suárez esta mañá.