O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “tal e como anunciamos hai varias semanas, somos conscientes das carencias que ten Ribadeo de lugares públicos para o lecer e o recreo da xente moza deste concello. Ribadeo aínda vai contando con infraestruturas como pavillóns polideportivos ben equipados ou campos para o adestramento regrado de varias especialidades deportivas, entre outras. Pero Ribadeo adoece desde sempre de algo destinado a pasar un pedazo de tempo cos amigos e coas amigas xogando unha pachanga, tirando unhas canastras, practicando algo de voleibol, facendo algo de ximnasia ou incluso practicando outros novos deportes como o skate”.

O rexedor comentou que “diante desta situación, estamos a facer unha aposta moi seria, moi firme e moi importante para toda esta xuventude, que cando sae, tampouco ten demasiado a onde ir para xuntarse nos momentos de lecer”.

Suárez Barcia explicou que “co financiamento para esta obra garantido, usaremos a mazá interior de titularidade municipal que está entre a Avenida de Galiza, a Rúa Pintor Fierros e a Rúa Daniel Cortezón. E construiremos unha grande superficie multideporte e de lecer. Unha pista multideporte para fútbol, baloncesto e voleibol; outra de skate e máis un circuíto de calistenia. E todo isto complementado con dotacións para estar sentados, de parole, rodeados de árbores, con iluminación, etc”. 

O alcalde ribadense subliñou que “o deputado delegado de Deportes, Efrén Castro, foi sensible ás nosas xustas demandas polo que agora unha vez asinado, ultimaremos o proxecto e iniciaremos os trámites de licitación das obras para que axiña vexa a nosa mocidade cumprido ese desexo do que tanto nos teñen demandado ao longo do tempo”.

Fernando Suárez conclúe a súa exposición: “E porque todo isto?. Pois porque toda a sociedade o pasou moi mal nesta a pandemia, pero o segmento de xente adolescente aos que lles estamos pedindo continuamente compromiso tamén necesitan que nós nos comprometamos con eles. E niso estamos, agora que estamos recuperando a normalidade”.