O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “por parte do Concello levamos varios meses traballando nestas obras que van comezar e son causa da oferta inicial da concesionaria que no ano 2005 comprometeuse a renovar equipamento e instalacións por un importe duns 125.000 euros naquel momento. Agora cando xa toca proceder a dar cumprimento a esa cláusula hai unha parte de maquinaria de cardio que se ten que renovar porque está esgotada e xa acabou o seu ciclo de vida útil. E hai outra parte que pode continuar algo máis e cando sexa necesario a empresa tamén a terá que renovar, pero mentres tanto podemos facer unha nova sala e un novo servizo para Ribadeo moi importante para todos os abonados desta piscina, que son uns 800, pero que en usuarios iso multiplícase a 1.500 máis ou menos”.

O rexedor subliñou que “teñen unha posibilidade enorme de contar con estas instalacións que son municipais, pero que están concesionadas, e contar cuns servizos de primeira magnitude tanto desde o punto de vista da ximnasia como do beneficio da saúde en xeral”. Suárez Barcia agarda que “nun período dun par de meses as obras estean rematadas e os novos servizos serán explicados ao público para que se vaia inscribindo se o ten a ben”.

O concelleiro de Deportes, David Rivas, explicou que “hoxe comezan as obras de ampliación das instalacións da piscina municipal. Estas obras van consistir na creación dunha sala de actividades externa ao que é a instalación da piscina, destinada principalmente a actividades cardiovasculares como poden ser spinning, zumba, body combat e todo ese tipo de actividades que realmente están a ser moi demandadas polos usuari@s da instalación”.

O edil nacionalista relatou que “é unha maneira tamén de liberar un pouco o espazo do actual ximnasio, que si é verdade que a determinadas horas do día se queda un pouco escaso pola afluencia de xente que ten esta instalación”.

Rivas Pena dixo: “pensamos que é un proxecto moi interesante. Nun principio o convenio co Concello o que expuña era renovar toda a maquinaria do ximnasio, pero se nos propuxo permutar parte da renovación de parte da maquinaria, que considerábamos tanto a empresa concesionaria como nosoutros que estaba en bo estado e podía permanecer. Entón decidimos pois investir eses cartos nesta ampliación que a todas luces ás dúas partes nos parece máis interesante”.

Finalmente o responsable da piscina municipal, Javier Canel, considera esta obra “moi importante para nosoutros e estamos moi agradecidos ao Concello de chegar a ese acordo para beneficiar aos usuarios que temos na instalación”.

As obras de ampliación das instalacións da piscina así como a renovación de parte das máquinas do ximnasio son sufragadas por Serviocio, a empresa concesionaria da piscina municipal de Ribadeo.