O rexedor explicou que “nesta xuntanza mantida co presidente da Deputación, co señor Besteiro, que a enmarco dentro dun ámbito cordial e positivo aquí, no Concello de Ribadeo, trasladámoslle, aparte do compromiso que lle quixemos arrancar co tema da residencia de maiores, varios temas de importancia para o concello”. Suárez Barcia contou que “un deles, ao que nos temos referido varias veces nos últimos tempos, é a necesidade imperiosa de que por parte da Deputación se proceda a amañar de maneira urxente as súas vías provinciais ao paso sobre todo polas parroquias o interior, singularmente de Covelas, de Cedofeita ou mesmo de Arante ou de Vilaousende, que están nunha situación estructuralmente mala e onde temos moitas queixas de veciños, incluso do propio autobús do transporte escolar porque o día menos pensado pode haber un accidente polo estado de degradación destes viais”.

O alcalde ribadense indicou que “tamén nunha circunstancia parecida nun vial provincial é a nosa petición reiterada, que xa lle fixemos hai dous anos e que daquela mostrou o seu compromiso aínda que a día de hoxe aínda non é posible velo feito, que non é outro que a ampliación da ponte de Ove, que está na estrada provincial por enriba da vía do tren, por onde pasa moitísima xente, sobre todo moitos nenos que van entrenar ao campo de fútbol que ten habilitado o Concello de Ribadeo do outro lado da vía, xa na parroquia de Ove. É importante a ampliación desta ponte para permitir o paso peonil de persoas sin que sexan molestados polos vehículos, sobre todo moitas veces cando é de noite, cando vai mal tempo, o paso por esa ponte faise francamente perigoso”.

Fernando Suárez engadiu que “xa un último aspecto que lle reclamamos, e esperemos que o vexamos feito dentro de pouco tempo, é que nos pase outra vez a maquinaria de obras da Deputación para poder seguir facendo actuacións de rebacheo en camiños, sobre todo das parroquias, que co paso do tempo de maneira inevitable, se van degradando”. Para o alcalde de Ribadeo “o presidente da Deputación viu razonables todas estas peticións e comentounos a falta de disponibilidade económica que a Deputación tamén ten, como as demáis administracións. Pero en todo caso comprometeuse, e espero que sexa así, a que nos próximos tempos iría dando cumprida proba do seu compromiso tamén con Ribadeo”.