O rexedor lembrou hoxe que “hai xa tempo que desde o Concello de Ribadeo nos vimos referindo a estes requerimentos que facemos a diversos propietarios de leiras, de solares ou de vivendas, tanto na zona urbana como na rural, que os teñen desatendidos e sempre atendendo aos principios de seguridade pública, salubridade ou ornato lles requerimos, baixo pena de que senon o fan poden ser sancionados, que os teñan en condicións óptimas para evitar perigos públicos”.
Suárez Barcia considera que “isto é algo que está dando bastante bó resultado porque a xente, ao fin e ao cabo, non quere ter ningún problema e acaba accedendo ao que nós, de boa fé, lles estamos a pedir”.

O alcalde ribadense anunciou que “agora queremos abrir outro novo frente, trátase de pedirlles dunha maneira firme e seria a todos aqueles propietarios que teñan propiedades no ámbito urbano que dean a vías públicas que deben telas pechadas. Teñen que ter un muro, ben de ladrillo, enfoscado e pintado ou ben que sexa de bloque de cor. Nestes días están a  saír desde o Concello unha ducia de requerimentos a diversos propietarios para que procedan a solicitar autorización municipal para pechar eses solares que dan á vía pública co fin de evitar así os problemas de ornato e de abandono que se ven. Ningunha vila moderna ou país europeo que se precie poden estar ao bravo como están moitas veces”.

Fernando Suárez subliña que “os propietarios terán que pechar esas fincas, eses solares, atendendo aos criterios técnicos que se lles darán desde a oficina municipal técnica, pero os muros terán que estar enfoscados e pintados ou terán que recurrir a muros de bloque de cor. Tamén moitos baixos que están de ladrillo visto terán que estar enfoscados e pintados para vivir nunha vila moderna e non nun lugar propio de modelos caducos que non deben estar vixentes hoxe en día. Seguramente o conxunto da cidadanía o verá ben e a xente que nos visite verá unha vila atractiva como se merece”.