O rexedor indicou que “un contrato de emerxencia que licitamos hai poucas semanas xa está practicamente concluído. É o que ten que ver co peche das ventás e portas do pavillón polos que estaban a entrar humidades e auga e ao mesmo tempo estaba a ser un perigo porque calquera podía entrar e facer das súas. Agora por fin está pechado todo o perímetro, co que é unha garantía de seguridade e tamén de coidado de toda esa instalación”.

Suárez Barcia explicou tamén que “desde o Concello estamos proseguindo con toda esta tramitación para adxudicar as obras de remate do novo pavillón polideportivo, que desgraciadamente pararon hai un tempo ao rescindirlles os contratos ás empresas que estaban a traballar debido aos incumprimentos cometidos. O Concello sacou a licitación hai semanas o resto da obra pendente de rematar, o prazo de presentación de ofertas pechouse xa e un total de 10 empresas aspiran a realizar estes traballos”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “nos vindeiros días reunirase a mesa de contratación da que forman parte, ademais de membros do equipo de goberno, representantes dos grupos políticos da oposición. E esperemos en poucos días ter un veredicto da empresa gañadora deste concurso para reanudar canto antes as obras e a ver si a finais deste 2013 o pavillón pode estar funcionando e a disposición de todas as veciñas e os veciños de Ribadeo”.