O alcalde ribadense sinalou: “non saio do asombro. Agora o PP local acúsanos de andar poñendo adhesivos con bandeiras galegas nos accesos á praia das Catedrais. Eu penso que, como alcalde xa levo catorce anos, sempre fun e son moi coidadoso co patrimonio público e a nosa misión é conservalo e promocionalo. Nunca fun moito de andar en algaradas”.

Fernando Suárez manifestou que “eu máis ben penso que quen puido poñer esas bandeiras foron precisamente eles para dar que falar e crear outra nova polémica, que é o que fai o señor voceiro do PP, que parece ser que non lle dan moito choio como deputado en Santiago e polo tanto acaba enredando aquí en Ribadeo e sen non hai problemas, pois créaos e xa ten de que falar, así de simple”.

O rexedor engadiu que “eu e os meus compañeiros e as miñas compañeiras de goberno estivemos afanados, toda a fin de semana, traballando, apoiando, coordinando e colaborando cunha chea de eventos deportivos e culturais que houbo en Ribadeo, piragüismo, actividades de voluntariado medioambiental, baloncesto, etc…, que trouxeron a centos de persoas a Ribadeo e que tamén, ademais dos valores deportivos e medioambientais, serviron para apoiar o comercio e a hostalería local que abonda falta fai. Nós para iso estamos aquí, para traballar e non para enredar. E así habemos seguir”.