O concelleiro de Obras, Vicente Castro, anunciou que “desde a Delegación de Obras e Alumeados estamos a probar sistemas para reforzar a iluminación en pasos de cebra prioritariamente, dado que revisten unha especial perigosidade e carecen da iluminación adecuada”.

O edil ribadense explicou que “continuamente están saíndo novos sistemas de iluminación coas novas tecnoloxías led, que permiten mellorar todos estes alumeados e estas condicións específicas”.

Vicente Castro contou que “en concreto puxemos a proba estes días cun sistema de proxectores no paso de cebra do instituto, preto da rotonda. Despois de probalo, de ir facer visitas de noite probando de pasar e desde os coches, parece ser que si que funciona, e trataremos de estender á maioría dos pasos de cebra, sobre todo das travesías principais de Ribadeo”.

O concelleiro de Obras en Ribadeo adiantou que “imos probar outros sistemas tamén, que é o reforzo naquelas farolas que coinciden fronte a un paso cebra. Teríamos que probar con tecnoloxía led para dar maior potencia de iluminación a ese paso de cebra, e se vemos que funciona tamén o implementaremos, máis que nada porque é un custe bastante máis reducido que o que probamos no instituto”.

Castro engadiu que “unha vez que fagamos as probas, se vemos que todo funciona, procederemos á licitación de tantos proxectores e luminarias como sexan necesarios. Estes novos sistemas situaranse principalmente na travesía, refírome ás avenidas de Galicia, Asturias e José Vicente Pérez Martínez. Son puntos con luminarias que teñen bastante altitude, están cun sistema que agora se queda obsoleto como é o de vapor de sodio, e os novos proxectores que se colocarían nos pasos de cebra, ademais de dar maior iluminación, focalizan mellor a luz cara a eses puntos”.