O alcalde de Ribadeo transmite as condolencias de toda a Corporación aos familiares de José Duarte, o concelleiro do PP que falecía repentinamente esta noite aos 69 anos de idade.
Fernando Suárez dixo que “no nome de toda a Corporación de Ribadeo quero transmitir a nosa máis sincera condolencia aos seus familiares e achegados nestes difíciles momentos e recoñecer que José Duarte Díaz foi un home de ben, eu podo dicir persoalmente que máis aló das discrepancias políticas que puidéramos ter, penso e dígoo sinceramente que foi unha persoa moi noble, moi honrada, moi boa persoa… todo o que él fixo aquí en política, con acertos e desacertos como todos cando estamos en política, todo o fixo polo ben do seu pobo e polo ben de Ribadeo”.

O rexedor engadiu que “temos un grande pesar a xente do PP, do PSOE, de UPRI e do BNG pola perda desta persoa ribadense tan querida aquí por todos independentemente da cuestión política de cadaquen. Destacar a nobleza dunha persoa recta e moi honrada”.

A xunta de portavoces reuníuse esta mañá con carácter extraordinario e urxente para facer unha declaración institucional, decretáronse dous días de loito oficial (hoxe e mañá) nos que as bandeiras do Concello ondearán a media asta e suspendéronse os actos institucionais programados para estas datas no Pazo Municipal.