Concello de Ribadeo
Rinlo
Rinlo é a parroquia máis pequena en extensión de Ribadeo (1,13 km2) e, a pesar disto, a segunda en canto a densidade de poboación (235,39 habitantes/km2). Está practicamente rodeada polo Mar Cantábrico, salvo no sur, onde linda con Vilaframil e A Devesa.
A súa poboación, de 266 habitantes (INE 2007), está concentrada nunha única entidade de poboación conformada por un fermoso pobo mariñeiro situado a carón da enseada da Areosa, por onde entran as ondas en días de forte temporal. Coñécense con todo na parroquia os lugares de O Campo de María Méndez, O Campo de San Pedro, O Campo do Cristo, O Cantal, O Cotarelo e A Virxe Branca.
Rinlo ofrécelle ao visitante a típica estampa mariñeira rodeada dunha paisaxe propia do rural, un lugar caracterizado pola presenza de cantís e furnas; por fortes temporais e ventos e por unha costa na que se suceden as cetarias, accesibles hoxe en día grazas a construción dunha pasarela de madeira que percorre toda a costa.
Algo de historia
Segundo as persoas maiores do lugar, Rinlo é un pobo con máis de 500 anos de historia cuxas orixes quedan ligadas á presenza dun porto baleeiro.
Coñecido popularmente como o lugar no que se crían os mellores percebes, lagostas, lumbrigantes e centolas de toda a costa Cantábrica, Rinlo conta coa segunda confraría de pescadores máis antiga de España. A riqueza destas capturas vén favorecida polas fortes batidas do mar contra as súas penas, nas que se forman numerosas covas.
O seu forte carácter mariñeiro pode apreciarse en múltiples detalles: casas que semellan colgadas sobre os cantís, rúas estreitas arrimadas ao litoral, a proximidade do mar ao núcleo de poboación…
Equipamento
Escola nova de Rinlo
Escola vella de Rinlo
Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que dispón de equipamento informático con conexión gratuíta a internet, aula para cursos e un pequeno auditorio.
Pista polideportiva de Rinlo
Festas
Festa do percebe
San Pedro (Rinlo)
Virxe do Carme (Rinlo)
Patrimonio
Casa indiana construída en 1912. De estilo ecléctico, chama especialmente a atención nesta construción a súa ornamentación, así como a altura que presentan as súas tres plantas.
Observacións
O seu promotor foi Inocencio Vázquez Aguiar.
Lugar
Parroquia: Rinlo (San Pedro)
Casa indiana construída en 1910, de estilo arquitectónico autóctono. Presenta semisoto, planta baixa e dúas altas.
Lugar
Parroquia: Rinlo (San Pedro)
Edificio de planta alta e baixa hoxe destinado a escola. Presenta porta con lintel e ventás rectangulares cunha varanda en forxa de ferro na planta alta. A espadana é de dous corpos con ocos para albergar as campás e con linteis rematados en pináculos. A cornixa ten moldura.
Lugar
Parroquia: Rinlo (San Pedro)
Vivenda de planta baixa e alta, muros con revestimento en morteiro e pintados e cuberta a dúas augas de tella curva.
Lugar
Parroquia: Rinlo (San Pedro)
Sinxela construción de carácter comunal que pertence ao grupo de fontes de manancial ou de mina. Consiste nun depósito no que se estanca a auga que procede dun manancial feito mediante unha escavación no terreo e que sae por un cano de pedra lixeiramente inclinado.
Lugar
Parroquia: Rinlo (San Pedro)
Templo de 1931 de estilo neogótico e planta de cruz latina con bóveda apuntada sobre arcos faixóns. O cruceiro e o presbiterio están cubertos por bóveda de aresta sobre nervios. O frontispicio posúe torre de aspecto neorrománico, rematado en capitel.
Lugar
Parroquia: Rinlo (San Pedro)
Edificio de planta rectangular con muros de cachotaría, cuberta a dúas augas de lousas e limas con tella curva e porta de acceso con lintel.
Lugar
Parroquia: Rinlo (San Pedro)