Concello de Ribadeo
Arante
Parroquia situada no extremo sudoeste do municipio que limita polo norte coa da Devesa, polo leste coa de Cedofeita e polo noroeste coa de Covelas, co río Lexoso neste último caso facendo de fronteira natural entre as dúas. Polo oeste linda xa co municipio de Barreiros e polo sur co de Trabada.
Ten unha superficie de 14.09 km2, unha poboación de 246 persoas (INE 2007) e unha densidade de 17,45 habitantes/km2 que a converte na parroquia que presenta o valor máis baixo do municipio no que a este indicador se refire. Os seus veciños distribúense en 8 entidades de poboación: O Barredal (22 habitantes), Os Bestilleiros (22), Cei (42), Cima de Vila (16), Fondo de Vila (22), A Ponte (9), Remourelle (89), Vilamariz (24), e 5 lugares que forman parte de Remourelle: Os Fornos, A Madanela, As Pereiriñas, Portobragán e Rego de Mel.
Arante é unha das parroquias máis montañosas de Ribadeo, pero ten dous vales importantes: o do río Grande, no sector central, e o do Lexoso, ao norte, onde se agrupa a maior parte da súa poboación. A altitude máxima desta parroquia chega aos 440 metros.
Algo de historia
A parroquia de Arante aparece citada en varias ocasións no libro de Francisco Lanza Ribadeo Antiguo (1931), onde se cita a existencia dun castro levantado sobre un montículo natural. Trátase das mámoas ou medorras situadas no monte Pena Longa, nas proximidades de Remourelle, que destacan por ser as únicas coñecidas en todo o concello.
Durante o reinado de Filipe II, Ambrosio de Morales conseguiu unha autorización real para profanar estes túmulos, nos que se imaxinaba que atoparía grandes riquezas; é moi probable que as escavacións efectuadas fosen en realidade desa época. Os túmulos de Pena Longa terían entre 6 e 8 metros de diámetro e entre 3 e 5 de alto -un deles está escavado na propia rocha- e a datación que se lles supón sitúaos entre o 1800-1700 e o 600-500 a.d.C, ou o que é o mesmo, no neolítico, incluíndo a idade do bronce e a do ferro.
Equipamentos
Escola de Remourelle: Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que conta con equipamento informático e acceso gratuíto a internet.
Teleclube de Arante: Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que dispón de equipamento informático con conexión gratuíta a internet.
Patrimonio
Construción de planta rectangular con muros de mampostería revestidos recentemente. O pórtico de acceso está formado por un entramado de madeira e cuberta a tres augas con cubrición de lousa e limas en tella cerámica curva. Presenta espadana dun só van.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Templo de nave con tellado a dúas augas, arco triunfal oxival e presbiterio con armadura interior de madeira, ao igual que a nave. Presenta frontis con portada en arco, espadana de dous vans e dúas portas nun dos seus laterais. No presbiterio consérvanse pegadas do arranque da bóveda. O retábulo maior é barroco e os seus muros gardan un singular exvoto pintado que relata a intervención milagrosa da Virxe a favor do navío Santa Catalina, en 1595.
As noticias máis antigas remontan a orixe deste templo a finais do século XIV, aínda que foi reformado nos séculos modernos. O estilo artístico data a obra na primeira metade do século XVI e pono en relación con outros traballos da época, especialmente co mestre das pinturas da catedral de Mondoñedo.
Na década de 1970 quedou ao descuberto un magnífico conxunto de pinturas murais que reflicten episodios da vida de María (fuxida a Exipto, visita ao templo, Asunción, Coroación…). A súa autoría e orixe son aínda descoñecidas.
Observacións
A finais de maio, sete semanas despois da Semana Santa, ten lugar aquí a popular romaría das Cruces. Xente con cruces en pendóns procedente das parroquias ribadenses de Ove, Covelas, Cedofeita e Arante e das de Sante, A Balboa e Vidal (Trabada) ondean os pendóns conmemorando a victoria inicial das xentes do lugar contra as tropas napoleónicas do xeneral francés M. FranÇois Fournier durante a Guerra da Independencia.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Edificio de planta cadrada e dúas alturas que presenta cuberta a catro augas formada por entramado de madeira con lousa e limas de tella curva de cerámica. Os muros presentan revestimento de morteiro e están branqueados. As portas teñen lintel e as ventás son rectangulares (con reixas na planta baixa do alzado principal e balaustrada na segunda planta).
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Xacemento de forma ovalar. Consta dun parapeto na súa parte máis alta ao que lle antecede un foxo que circunda practicamente o seu perímetro.
Observacións
Está adscrito á idade de ferro romana.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
O vestixio arqueolóxico máis importante dos achados nestas terras (se ben algúns expertos documentan a súa localización de orixe no principado de Asturias) é o diadema de Ribadeo, xoia que puido pertencer a unha dama ribadense do século V ou VI e que se considera como un dos restos máis importantes da ourivería castrexa peninsular.
Nela están representadas escenas de monta e doma de cabalos e figuras de guerreiros armados… e, aínda que non está moi clara a súa funcionalidade, todo apunta a que se debía empregar para cinguir a roupa ou como adorno para o cabelo, pescozo…
Observacións
Foron atopados tres fragmentos que se supón que pertencen a esta peza e que se conservan por separado: dous deles en Madrid, un no Museo Arqueolóxico Nacional e outro no Instituto de Valencia de Don Juan, e un terceiro no Museo Saint Germain-en-Laye de París.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)
Templo do século XVIII con reformas de 1931. Dispón dunha nave central cuberta por bóveda de canón e arcos de medio punto que rematan noutra bóveda de pavillón sobre tres arcos de pedra, tamén de medio punto. No seu interior hai tres retablos: dous deles barrocos e outro clásico. O frontis, con torre de aspecto neorrománico, remata en capitel.
Lugar
Parroquia: Arante (San Pedro)