O rexedor contou que “agora con calma, paseniño, despois das eleccións municipais e con esta nova Corporación, estamos a realizar unha serie de obras, que durante a campaña non quixemos facer porque nos parecía pouco prudente inicialas nesas datas. E deixámolas para despois como é o caso, e agora estamos a encarreirar o seu final, destas obras de mellora e adecentamento deste parque infantil tan bonito que temos no barrio de San Miguel, preto da capela de San Miguel. Alí existe un parque desde hai tempo, pero facíalle falta melloralo e dotalo de máis xogos, non só para os nenos que viven naquel barrio e que teñen todo o dereito do mundo, senón porque tamén é moi concorrido por nenos e nenas doutras partes da vila”.

Suárez Barcia explicou que “supoñen un custe duns practicamente 15.000 euros, que se sufragan con fondos municipais sen aportes doutras administracións. Agardamos que agora en poucos días, ao inicio do verán, estas obras estean rematadas e listas para o disfrute de todos os nenos e nenas”.

O alcalde tamén confía en que “coincidindo con estas datas de finais de mes o parque San Francisco, que está tamén en obras desde hai tempo, estea listo. Está quedando moi ben, ten moi boa pinta e confiemos que sexa do agrado dos nenos e nenas da vila e doutros sitios, que neste verán nos virán visitar en masa”.