O rexedor considera que “se deben sentir moi orgullosas as persoas que fixeron ese estropicio tan grande no parque infantil de O Xardín, porque de cidadáns teñen ben pouco. Non só non teñen amor ao ben común nin ao mobiliario público, que non deixa de ser de todos, senón que lle queren ben pouco aos nenos e ás nenas de toda esa zona, que acuden a ese parque infantil para poder xogar”.

Suárez Barcia explicou que “agora aínda que desde o Concello o teñamos que repoñer, teremos que facelo con fondos propios porque se trata de mobiliario que non está asegurado, nin neste Concello nin en ningún outro. Non é nada barato porque calquera deses xogos importantes pola súa magnitude excede dos 6 ou 7 mil euros, só o xogo, e logo hai que engadir o custe do pavimento e todas as tarefas de remozado dese parque. Aínda que queiramos resolvelo cantos antes, aínda habemos tardar un tempo e niso os nenos e nenas débenlles estar moi agradecidos a estes senvergoñas ou a esta xente que non ten principios nin éticos nin morais, que lle plantaron lume ao parque infantil”.

O alcalde ribadense engadiu que “eu tamén, aínda que a Policía Local e a Garda Civil están a facer as pescudas pertinentes, quero pedir colaboración cidadá para esclarecer canto antes o ocorrido e quero lembrar que nuns actos vandálicos que tiveron lugar no Cargadeiro, hai un ano aproximadamente, grazas ás pistas da xente, que viu cousas estranas, puidemos chegar a dar cos culpables deses estropicios”. Fernando Suárez apela “á conciencia cívica e quero apelar a aquelas persoas que puideron ver algo estrano, dado que o parque é unha zona moi concorrida con moitas vivendas no entorno e dado que a hora do lume non foi excesivamente tarde, si algunha persoa viu algo que o comente e que o comunique con toda a discreción posible ben na Policía Local ou na Garda Civil para tentar dar cos responsables, cos senvergoñas que fixeron esa queima tan lamentable no parque infantil de O Xardín”.