Desde os servizos técnicos municipais xa se realizou unha primeira análise e se trasladaron algunhas consideracións técnicas sobre o mesmo e as liñas de evacuación, ao tempo que se solicitou a ampliación de determinada información para poder emitir un informe o máis adecuado posible á realidade do proxecto.
Neste momento o proxecto atópase no trámite da autorización administrativa previa, de información pública e informe ambiental, polo que a información é moi incipiente e debe estudarse ao detalle para tratar de analizar o impacto e adoptar unha posición con todos os datos enriba da mesa.

O proxecto publicado no BOE do 14 de outubro, que establecía de prazo de alegacións ata o 26 de novembro, deberá ser publicado novamente, abrindo un novo prazo; polo que as alegacións poderán presentarse ata máis adiante. 

O promotor é Green Capital Development 100, SL e prevé a instalación de 16 aeroxeradores (en principio 8 deles en Barreiros e 8 en Ribadeo) de tres pas de 170 metros de diámetro e 135 metros de altura de pau, que sumarían unha potencia de 96 MW.

Desde ambos os dous Concellos sinalan que “o parque proxectado responde a un modelo que está proliferando no noso país nos últimos tempos e que provoca un gran impacto no territorio, polo que se fará unha análise pormenorizada para ver a incidencia e, especialmente, a repercusión nos municipios e nas vidas das persoas que residen neles”. 

Ambos rexedores manifestaron “a escasa capacidade de actuación que teñen as entidades locais e anunciaron que en canto teñan toda a información a trasladarán para coñecemento público, xunto cos informes técnicos e as consideracións que poidan emitir”.