A edil de Educación e Cultura contou que “os días 18, 19 e 20 vai haber polas mañás no telecentro actividades coas novas tecnoloxías para nenos a partires dos 3 anos. Haberá un turno de 11 a 12 e outro de 12 a 13. Hai que inscribirse porque serán un máximo de 20 participantes en cada grupo, polo que as persoas que o desexen deben chamar á OMIX ao 982 120 808”.

Álvarez Lastra manifestou que “despois teremos a pista 3 x 3 de fútbol que estará no Cantón dos Moreno de 11 a 14 horas e tamén teremos actividades lúdicas no parque de San Francisco. O 18 de abril de 12:30 a 13:30 no auditorio municipal terá lugar un obradoiro de monicreques para nenos a partires de 6 anos. Neste caso as prazas tamén son limitadas, polo que haberá que inscribirse na OMIX”. A concelleira nacionalista engadiu que “o 18 ás 17:30 horas será tempo para o teatro con Viravolta e Páxaro de lume. Será no auditorio municipal e o prezo da entrada será de 2 euros. O 19 de abril está programada unha xornada lúdica de 16 a 20 horas no parque de San Francisco ou no pavillón polideportivo (no caso de que o tempo non acompañe). Os nenos poderán disfrutar de actividades multimedia, tenis de mesa, futbolín humano, pista americana, supergalaxia e animación musical. Tamén haberá xogos de animación para os máis pequeniños”.

E o 20 de abril ás 17:30 horas no auditorio municipal Títeres Trompicallo representará O día que chegou unha nube. O espectáculo está dirixido a nenos de 1 a 5 anos e o custe da entrada será de 2 euros. A responsable de Educación e Cultura dixo que “nos folletos que se repartirán estes días polos centros de ensino pais e alumnos atoparán toda esta información, pero que saiban que haberá actividades do 18 ao 20 de abril e que é preciso inscribirse para participar no obradoiro de monicreques e nas actividades no noso telecentro”.