Cupeiro sinalou que “estamos moi contentos pola asistencia de xente, tanto veciños de Ribadeo coma xente chegada doutros puntos. Á Casa das Letras a escoitar a conferencia sobre os humedais acudiron medio cento de persoas e despois á visita á ría foron o domingo 25 persoas, e outras 15 fixérono o sábado. Aínda que esta actividade estaba programada para o domingo ao asistir tanta xente fixemos dous grupos, un por día”.

O edil nacionalista lembrou que “na xornada de divulgación dos humedais participou o vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela, Pablo Ramil Rego, e a súa exposición foi espectacular. Dixo que a ría de Ribadeo é das mellor conservadas de Galicia e tamén falou das aves, que debido á mellora do tempo veñen cada vez en menor cantidade, e algunhas xa se quedan aquí a pasar o inverno e non van nin a Doñana nin a África en busca de temperaturas máis suaves. Da excursión a xente veu moi contenta, vimos unha cantidade de aves enorme e poidemos divisar a águia pescadora, que estaba enriba do tronco no medio ría. Non a vimos pescando, pero sí que disfrutamos da súa presencia”.

Horacio Cupeiro dixo que “este proxecto foi realizado polas Concellaría de Turismo e Medio Ambiente desde as que queremos agradecer a participación de toda a xente que se deu cita nestas xornadas. Temos intención de repetilas o vindeiro ano despois de ver o éxito e a acollida que tivo estes días esta primeira edición”. O responsable de Medio Ambiente agradeceu tamén a presenza dos ornitólogos Enrique Sampedro e Pablo Fernández, “sen cuxa colaboración desinteresada estas actividades non se poderían levar adiante”.

A pretensión do Concello con iniciativas coma ésta “é desestacionalizar a tempada de turismo e a ver si somos capaces de, aproveitando esta riqueza natural que temos da ría de Ribadeo, conseguir que veña xente as fins de semana durante o inverno. A parte da divulgación da nosa ría si lle podemos sacar algún beneficio económico mellor que mellor. Iso é o que pretendemos facer desde as nosas áreas de Turismo e Medio Ambiente”.