O edil ribadense dixo que “detectamos que se moveu de xeito favorable nos últimos días a segunda edición da campaña das panchas, que daba comezo o pasado 9 de outubro. Arrincou moi ben, porque nunha semana foron adquiridos 900 packs da nosa moeda local, e agora parece que repunta de novo”.

Pablo Vizoso lembrou que “aínda quedan días para facerse coas panchas e para gastalas no comercio e na hostalería locais. Esta iniciativa está animando o consumo local nuns momentos que están a ser moi complicados para o sector servizos en Ribadeo, sobre todo para o comercio e para a restauración. Estamos sufrindo os peches perimetrais de Asturias, de Lugo, da Coruña e iso ten repercusións negativas en Ribadeo, unha vila que recibe a centos de visitantes as fins de semana, que aproveitan para facer as súas compras os domingos no noso comercio e que tamén disfrutan da oferta gastronómica que atopan na hostalería local”.

O concelleiro de Comercio subliñou que “as panchas potencian o consumo local, a necesidade de apostar pola proximidade, de facer as compras nas tendas de Ribadeo e de consumir nos bares e restaurantes da nosa vila”.

Vizoso agarda que “a campaña siga a bo ritmo estes días e que tanto ribadenses coma veciños e veciñas da Mariña e dos lugares que poden desprazarse ata aquí aproveiten esta iniciativa que estamos a desenvolver en Ribadeo ata o vindeiro 1 de decembro”. 

A campaña das Panchas foi organizada polo Concello de Ribadeo en colaboración con Acisa e ABanca e conta co apoio da Deputación de Lugo.