Pancha, seguridade, miradoiro de Loctudy e 4º Plan de Igualdade centrarán o pleno que se celebrará esta tarde no Concello de Ribadeo.

pleno 16 xullo

Pancha, seguridade, miradoiro de Loctudy e 4º Plan de Igualdade centrarán o pleno que se celebrará esta tarde no Concello de Ribadeo.

O alcalde, Dani Vega, sinalou que “esta tarde noite celebramos pleno municipal en Ribadeo, onde abordaremos varios asuntos na orde do día. O primeiro deles será incrementar a partida orzamentaria para a moeda local, a Pancha, pasamos de 65.000 a 85.000 euros. Trátase dun incremento de 20.000 euros. Entrará rapidamente en vigor para que estea en circulación esa colaboración co comercio local. É unha boa maneira de impulsar economicamente o comercio e polo tanto a moeda local incrementa o orzamento porque asinamos un convenio coa Dirección Xeral de Comercio, coa Xunta de Galicia, de 20.000 euros en promoción económica”. Para o rexedor trátase “dunha moi boa xestión, que permitirá que se beneficien todas aquelas persoas que veñan comprar á vila de Ribadeo”.

Vega contou que “tamén aprobaremos o convenio que se vai asinar coa Secretaría de Estado en materia de seguridade. Hai poucos días que tiñamos esa xuntanza da mesa de seguridade para abordar esta importante cuestión. É moi responsable coordinar todos os eventos e ten que haber seguridade en todos eles. Este convenio o que lle da é un rango superior e xa vamos ter esa coordinación coa Secretaría de Estado”.

O alcalde engadiu que “grazas tamén ao colectivo que coordina o irmandamento con Loctudy, cos que estamos a traballar conxuntamente para organizar un acto en setembro, e tamén darlle o nome de Loctudy ao novo miradoiro do Cargadeiro. E aprobaremos o cuarto Plan de Igualdade. Hai que felicitar á concelleira responsable, aos técnicos deste departamento que están a facer un grande traballo e por iso imos aprobar ese plan”.