Neste acto o edil dixo que “para o Concello de Ribadeo é unha honra poder recibir a persoas amantes da liberdade e dos dereitos a existir como pobo. Queremos solidarizarnos coa organización Festiclown e con esta peregrinación tan singular que unha vez máis pon de manifesto que somos terra de acollida, estamos moi acostumados a recibir a xente de todas as crenzas, de todas as maneiras de pensar, e logo se ademais manifestan un expreso amor pola liberdade e a solidariedade, sede ben recibidos”.

O concelleiro de Cultura engadiu: “queremos mostrar o noso apoio aquí desde o Concello de Ribadeo, e supoño que todo o pobo de Ribadeo estaría de acordo en sumarse a esta solidariedade, con estas persoas detidas inxustamente, con métodos moi expeditivos. É unha detención administrativa sen ningún tipo de probas. Aquí a nós lémbranos un pouco aqueles tempos da inquisición, por certo inquisición que tamén perseguía aos xudeos e é unha inxustiza que a estas alturas da historia sigan reproducíndose estas situacións”.

Farruco Graña fixo fincapé en que “todo pobo ten dereito a existir, pero non pode impoñerse aos demais. Temos que atopar ese punto de encontro para a través do diálogo facer país, facer ilusión e facer liberdade”.

Pola súa banda o portavoz de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, explicou que “esta PeregrinaClown é pola liberdade de Abu Sakha, ese pallaso palestino que está preso dende hai 18 meses nos cárceres israelís, nace do vencellamento que ten Pallasos en Rebeldía e o Festiclown con este artista de circo que foi detido e encadeado sen acusación, sen xuízo, como 500 presos palestinos máis, e que finalmente simboliza para nós, a xente que ama a liberdade, que ama a humanidade, unha necesidade de conseguir que saia á rúa”.

Para Iván Prado “que metan en prisión a un pallaso, que ademais non foi acusado de nada, para a xente que ama a arte e que ama a posibilidade de facer rir aos demais, é moi doloroso e por iso dende hai unha semana, dende Xixón ata Compostela, vou pasando polos distintos concellos difundindo e denunciando esta situación”.

Prado mostrouse “moi contento desta parada en Ribadeo, e agradezo á xente do Concello por darnos cabida e apoiarnos, e sobre todo por poder difundir á xente da vila todo o que está acontecendo en Palestina”.