Un equipo composto por un facultativo/a, un enfermeiro/a e un administrativo/a prestou no día de onte servizo no PAC ribadense para atender a 14.000 veciñas e veciños dos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo, aos milleiros de desprazados nesta época estival e para acudir tamén aos domicilios.

O rexedor dixo que “así está a saúde pública que temos e que temos que padecer. Está ben que se fagan centros de saúde, como o previsto aquí en Ribadeo, pero as infraestruturas se non veñen acompañadas de persoal dificilmente van cubrir a súa función”.

Suárez Barcia sinalou: “a todos estes conselleiros e conselleiras que nestes días estivais veñen moito por Ribadeo que se afanan por entregar trofeos, por subvencionar medalliñas e outras chilindradas menos aproveitarse do Xacobeo como pozo sen fondo para sufragar mil e unha festas por aí adiante, que tamén é importante, pero o máis importante é a atención sanitaria pública e de calidade, para que cando a xente chegue aquí non teña que ir correndo á privada porque aquí non hai quen a atenda”.