A xunta de voceiros do Concello de Ribadeo acordou dividir entre a vila e as parroquias os fondos de inversión estatal que recibirá Ribadeo e que ascenden a 1.717.000 euros. Fernando Suárez destacou “o criterio certamente unánime adoptado polos catro grupos que formamos a Corporación atendendo a varias razóns”. O acordo, segundo o alcalde ribadense, “foi dividir eses cartos ao 50% entre a vila e as parroquias, xa que se ben é certo que nas parroquias xa non hai tanta xente como na vila… estas presentan certas deficiencias estructurais, teñen unha importante dispersión de poboación e mesmo as chuvias dos últimos meses lles fixeron máis dano que á vila” por todo isto, o edil ribadense considera que “o criterio máis xusto é esa división”.

O alcalde de Ribadeo engadiu tamén que, na devandita Xunta, se chegou ao acordo de priorizar inversións en todo aquilo que non sexa susceptible de ser subvencionado por outras liñas de axuda. Ademais, engadiu, “todos presentamos propostas e moitas delas coincidiron desde un principio, xa que houbo coincidencia no esencial e todos fomos xenerosos á hora de renunciar a propostas propias para tentar incorporar as dos outros grupos”.

Fernando Suárez sinalou tamén que, desde hoxe, os técnicos comezarán a valorar todos os proxectos para, nuns días, e cunhas cifras máis aproximadas sobre a mesa, volver a analizar a situación e decidir cantas das obras presentadas poderán materializarse finalmente.

Suárez Barcia sinalou tamén que “para as necesidades que temos faría falla moito máis diñeiro, aínda que esta cantidade que recibiremos non é nada despreciable e todos agardamos que redunde no ben de Ribadeo”.