Onte, día de San Roque, saíron ás rúas de Ribadeo os Cocos e o Concello quere agradecer á Asociación Amigos dos Cocos que este percorrido fose posible un ano máis. O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, manifestou o seu recoñecemento ao “esforzo feito polos Amigos dos Cocos para que os nosos entrañables Coco e Coca e os seus fillos, os Cabezudos, saíran á rúa para bailar e alegrar coa súa presenza a toda a veciñanza e aos visitantes”.

O edil nacionalista dixo que “tras case século e medio de historia, os xigantes e cabezudos ribadenses volveron ser o mollo das nosas festas, son o fundamental, son a esencia, e son o tesouro enorme que están agardando os nenos para poder velos e bailar ao seu carón. Saíron un ano máis á vía pública  e volveron xerar sorrisos e ilusións nas caras das nosas pícaras e pícaros e na xente adulta”.

Graña chama tamén a manter esta tradición tan querida polos veciños de Ribadeo: “para que isto fora posible os Amigos dos Cocos fixeron un gran esforzo en tempo, dedicación e ilusión posta no coidado dos nosos Cocos e os seus fillos, Os Cabezudos. Queremos felicitar en especial o empeño posto en elaborarlle un novo traxe á Coca. Animamos a seguir mantendo viva esa tradición tan nosa e damos unha vez máis as grazas por todo o esforzo realizado”.