O alcalde, Fernando Suárez, dixo ao respecto desta cifra que “se trata dun número importante” pero lembrou que a empresa redactora lles comentou que “nos concellos nos que se fan plans xerais é normal e previsible que arredor do 10% da poboación presente algunha alegación”. Tendo en conta isto, o rexedor sinalou que “se en Ribadeo temos 10.000 habitantes digamos que estamos neses parámetros axustados de participación veciñal”.

Segundo os datos do rexistro, o 60% destas alegacións foi presentado por veciños/as da zona rural e o 40% restante polos/as da zona urbana. Con respecto ao primeiro grupo, Fernando Suárez asegurou que “moitas das alegacións presentadas na zona rural pretenden que se corrixan erros no sentido de recoñecer vivendas de máis de 50 anos con esa categoría e que no plan non estaban recollidas correctamente. Tamén hai un número importante de alegacións que persegue ampliacións dos núcleos, tanto dos orixinais coma dos de expansión”. A isto engadiu que “tamén se rexistraron, aínda que en menor medida, alegacións que pretenden reducir o ámbito de núcleo para sacar de alí as explotacións agrarias existentes por motivos de futuras ampliacións”.

En canto á zona urbana, Fernando Suárez apuntou que “moitas das alegacións presentadas perseguen que onde o plan sinala solo urbano non consolidado sexa catalogado como solo urbano consolidado” e engadiu que “tamén hai un número importante de alegacións en ámbitos do solo urbano consolidado onde o PXOM propón a ampliación dunha rúa, xa que hai moita xente que non ve esas posibilidades con bos ollos”. O rexedor sinalou, así mesmo, que tamén se rexistrou algunha alegación da zona industrial e da zona de costa.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, confirmou que destas 1.157 alegacións moitas son concorrentes xa que, tal e como afirmou, “podo constatar, por poñer un exemplo, que hai unha presentada por unha comunidade de veciños que, perseguindo o mesmo obxectivo,  presenta unhas 100 alegacións coa mesma iniciativa”.

Participación e consenso

Rematada a fase de exposición pública do PXOM, Fernando Suárez asegurou que a elaboración deste “foi o resultado dun traballo de participación de todo o pobo durante tres meses e isto hai que destacalo”, sinalando que “a última experiencia que temos de aprobación inicial dun PXOM data do ano 2001 -aínda que despois non saíu adiante-, momento no que en dous meses de exposición pública se rexistrou un milleiro de alegacións. Nós agora en tres meses andamos tamén arredor desa cifra”.

O alcalde de Ribadeo afirmou tamén que “o PXOM que se aprobou de xeito inicial entre todos os grupos políticos con representación no Concello deulle a oportunidade ao pobo de poder enriquecer e mellorar ese documento coas súas achegas, a xente tivo 3 meses para falar e fíxoo, polo que hoxe, máis que nunca, proseguiremos adiante co esquema de traballo previsto”. Suárez Barcia engadiu que agora é o momento de “estudar entre todos os membros da Corporación as alegacións presentadas e de que a empresa EPTISA faga os informes de viabilidade ou non de todas elas para logo acadar un consenso no Concello”. Aínda que a lei só fala de maioría absoluta para a aprobación provisional do PXOM o alcalde ribadense considera que “sería bo superar esa barreira para chegar ao máximo consenso posible entre todos. Pensamos que isto sería o óptimo, pero logo xa se verá o que acontece”.

Desspois da aprobación provisional no pleno do Concello de Ribadeo o PXOM será enviado á Consellaría de Política Territorial e Obras Públicas, que nun prazo de tres meses deberá dicir se aproba ou non o documento, se o desaproba ou se o aproba con condicionantes. O alcalde considera que este “é un longo camiño que tentaremos reducir a pesares do verán e xa falamos coa empresa redactora para que siga a traballar en agosto no estudo de todas alegacións presentadas”.

Fernando Suárez asegurou que “hoxe é un bó día para a democracia en Ribadeo e para a participación veciñal no marco da elaboración dun PXOM”.